Opinión

Rof Codina: un veterinario pioneiro en Lugo

A FINAIS DO século XIX e comezos do XX recaeron en Galiza unha serie de científicos e técnicos procedentes do resto da península que se instalaron, iniciando (nalgún caso) fantásticas sagas e achegando todo o seu saber para transformar a vida das galegas e galegos dende o amor e o respecto á terra que os acolleu (Cruz Gallástegui, Fernando Calvet Prats, Francisco Bellot Rodríguez, Ramón Varela de la Iglesia...). Este foi o caso de Juan Rof Codina, nacido en El Prat de Llobregat en 1871 e fillo dun ferreiro catalán que se formaría no mundo da sanidade animal na Escola Superior de Veterinaria de Madrid.

Aprobou a oposición dentro do corpo de Sanidade Militar tendo en Lugo o seu primeiro destino. Juan enraizaría na cidade amurallada de tal xeito que ao longo da súa vida cambiaría de destino pero sempre regresaría ata morrer nela en 1969. O seu temperamento xeroulle algún conflito dentro do exército polo que non tardou moito en solicitar unha excedencia que lle abriría as portas a un mundo agropecuario que tan necesitado estaba de innovación e modernización por estas terras.

A súa figura, estudada por Diego Conde ou Lourenzo Fernández, entre outros, demostra ter dous eixes claros de acción: a acción corporativa para organizar e poñer en valor a profesión veterinaria en todo o Estado e o traballo como divulgador de novas técnicas zootécnicas e pecuarias. Con respecto a isto último participaría en congresos, escribiría milleiros de artigos, colaboraría activamente con sindicatos e sociedades agrarias, divulgaría as bondades de contar con seguros agrarios, dos traballos de Pasteur, do cooperativismo, revolucionaría os concursos de gando (inventando o Compás Rof) como locomotora para mellorar a selección xenética de gando, estudaría as razas autóctonas de gando bovino, porcino e equino, e unha multitude de iniciativas para mellorar o mundo agropecuario galego.

Pero a maiores creou na cidade a Gran Clínica Veterinaria de Lugo co veterinario Jesús Carballo, fillo doutro veterinario, Ramón Carballo que foi o que lle transmitiu o interese polos problemas gandeiros de Lugo e co que remataría vinculado afectivamente ao casar coa súa filla. E froito da paixón divulgadora de Rof Codina colaboraría con distintos xornais estatais e galegos como El Progreso. Como anécdota final o noso protagonista mobilizaríase en contra do derrubamento da muralla de Lugo cun cálculo exhaustivo dos carros do país precisos para desmantelala.

Rof Codina foi a persoa que puxo a Lugo na Champions League da Veterinaria. Un século despois a cidade amurallada segue sendo pioneira co Hospital Veterinario Universitario que leva o nome do veterinario catalán (que serve de asistencia veterinaria, como docencia práctica e como centro de investigación) e por contar cunha das mellores Facultades de Veterinaria de todo o Estado.

Pero o apelido Rof bautizaría dúas rúas moi próximas en Lugo na zona da Ronda das Fontiñas. Ao Norte da R. Rof Codina Veterinario e unida pola rúa dos Agros está a R. Rof Carballo Humanista, fillo do primeiro. Juan Rof Carballo naceu en Lugo no 1905 e gañouse o recoñecemento social por dous motivos: como médico revolucionou as relacións entre médico e doente con métodos onde mesturaba medicina e psicoloxía; como ensaista tocou múltiples e distintas temáticas (algunha delas en galego como o ‘Mito e realidade da terra nai’), aspectos que o levaron a ser membro da Real Academia Nacional de Medicina e da Real Academia Española. En Lugo rematará formando parte da reducida nómina de Fillos Predilectos, entre outras múltiples distincións. Unha saga, a dos Rof, que podería encher varios artigos coma este coas outras fillas e netos do veterinario catalán.

Comentarios