Opinión

Rodríguez Mourelo: Un químico de relevancia internacional

EN AGOSTO DE 2019 escribín dous artigos dedicados a un químico excepcional, reputado profesor e pai dunha saga de científicos excelsos que se estende ata a actualidade. Falo de Antonio Casares, nacido en Monforte de Lemos no ano 1812. Porque as terras de Lugo non só deron a luz a numerosos escritores e escritoras senón que tamén fixeron as súas importantes achegas no mundo da ciencia. Este é o caso do protagonista de hoxe, José Rodríguez Mourelo, nacido en Lugo no 1857 e discípulo de Casares na universidade compostelá.

José encetou a súa carreira como estudante na cidade amurallada, continuou en Compostela onde Casares o introduciu no marabilloso mundo da química e no 1972 mudouse a Madrid para profundar nos seus estudos da man de Soler e Bonet entre outros. Entre o 1876 e o 1878 volvería á súa cidade natal como profesor auxiliar no Instituto de Lugo pero logo regresaría a Madrid onde se faría un oco entre a sociedade científica e literaria capitalina.

Foi profesor na Institución Lire de Ensinanza (ILE) durante seis anos, na Escola Preparatoria de Enxeñeiros e Arquitectos e no 1900 obtería a cátedra de Química Orgánica e Inorgánica na Escola de Artes e Industrias de Madrid. Durante ese período José xeraría máis de cen artigos nas máis prestixiosas revistas científicas estatais e europeas e participaría en ducias de foros e congresos, feito que lle permitiría entrar en contacto coas últimas novidades científicas a nivel europeo.

Froito das múltiples viaxes ao estranxeiro estreitou lazos con químicos famosos (que son estudados no bacharelato) como Arrhenius, Berthelot ou Le Chatelier (entre outros). Pertenceu a numerosas institucións científias como a Sociedade Española de Física e Química (da cal sería impulsor e primeiro secretario), onde coincidiu con Cabrera, Carracido ou Ramón y Cajal, da Sociedade Química de Francia, da Sociedade Química de Polonia, da de Física e Historia Natural de Xenebra e un longo etc. No discurso de ingreso na Real Academia das Ciencias realizou unha das primeiras aproximacións á historiografía da ciencia de España nos séculos XVIII e XIX na que se lembraría especialmente doutros galegos como o enxeñeiro de minas e xeólogo Casiano de Prado y Vallo, o polífacético José Cornide Saavedra (si, o da famosa casa Cornide da Coruña que o pobo galego trata de recuperar das mans dos Franco), científico e xurista Jacobo María de Parga ou o matemático José Rodríguez González (o matemático de Bermés).

Rodríguez Mourelo casaría con Francisca González Garrido (viúva do compositor Marcial del Adalid), coñecida como Fanny Garrido ou Eulalia de Liáns, escritora galega (nada na Coruña) e tradutora. Fanny publicaría a novela autobiográfica Escaramuzas e La madre de Paco Pardo, traduciría do alemán a Heine e Goethe e remataría sendo membro correspondente da Real Academia Galega. Lugo honra a este importante químico coa fermosa avenida que une as prazas de Xaquín Lorenzo e de Avilés, onde está situado o instituto máis antigo de Galiza. Curiosamente na Praza de Avilés comeza tamén outra rúa dedicada a un científico lucense, neste caso físico, de relevancia, Armando Durán Miranda, que destacou no campo da óptica e da enerxía nuclear, pero esa é outra historia que merece, de por si, outro artigo.

Comentarios