martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Ría de Ribadeo (non do Eo)

Á dereita: ría de Navia (non ‘do’ Navia), ría de San Esteban, ría de Avilés, ría de Villaviciosa... Á esquerda: ría de Foz, ría de Lieiro, ría de Viveiro, ría do Barqueiro, ría de Ortigueira, ría de Cedeira... No medio ría de Ribadeo ou do Eo. Ninguén dá creto (salvo os asturianos, polo conto que lles ten) á decisión que tomou a semana pasada o Instituto Xeográfico Nacional (IXN) arredor do topónimo mencionado. A resolución (de 29 de outubro) do organismo admite, a petición do Principado de Asturias (promovida polo Partido Popular pero apoiada por todos os grupos), a denominación de ría do Eo co mesmo nivel de oficialidade que o de ría de Ribadeo cando, como o lector puido apreciar ao comezo do artigo, ningún dos esteiros (xa sei que hai diferenzas entre ría e esteiro) mencionados ten nome do río que os forma.

Todas as rías galegas e da cornixa cantábrica empregan como topónimo oficial o nome da vila ou cidade máis importante da súa ribeira, polo que a decisión que tomou o Instituto Xeográfico débese máis a presións políticas (como dicía o compañeiro Pablo Villapol no Progreso do venres pasado) que a decisións técnicas. Alguén podería pensar que a nivel histórico esa ría podía ser unha excepción e que as denominacións nos mapas e nos documentos antigos puxeran ría do Eo, mais outra vez quedamos atónitos cando vemos os resultados. O Principado alegou que documentación do s. XIX (1871) mencionaba o nome do río cando da parte galega achegaron documentos que avalaban o nome de ría de Ribadeo cunha antigüidade de dous ou tres séculos antes.

Entendo que os asturianos, moi orgullosos do seu (así deberiamos ser nós) nunca admitan o nome de Ribadeo, mais os sentimentalismos deberían de quedar fóra das decisións dun organismo técnico como o IXN que dende agora recomendará a rotulación conxunta dos dous nomes ou deixará liberdade de decisión ao organismo produtor da cartografía para empregar un ou outro nome de xeito indistinto. Unha decisión ‘salomónica’ e equidistante que non vai ter un final feliz e xusto como tivo, no seu día, o xuízo bíblico do Rei Salomón.

A deputada do PP en Asturies, Teresa Mallada, reabriu unha ferida pechada polo IXN no 2008 cando ditaminou que a única denominación oficial posíbel era a de ría de Ribadeo (a ferida realmente seguía aberta xa que dende Asturies ignorouse por completo o topónimo resultante de xeito sistemático). Así que dende o IXN emprazaron ás administracións públicas de ambos lados para que expuxesen os seus argumentos (non vinculantes). Pola parte galega tanto o concello de Ribadeo, como a Deputación de Lugo (cunha moción do BNG), como a Xunta de Galiza (que pediu informes ao Consello da Cultura Galega, á Real Academia Galega e á Universidade de Santiago de Compostela) remaron na mesma dirección aínda que sen obter os froitos agardados diante de tan contundentes informes.

Así que lonxe de resolverse, a discusión permanecerá aberta ata novo aviso e seguirá sendo fonte de debates políticos, discusións nas comidas familiares e nas barras dos bares entre veciños/as. Porque os habitantes das vilas de ambas marxes seguirán mantendo relación de veciñanza, coincidindo nos comercios ribadenses, gozando desa magnífica lingua de auga de salinidade intermedia a nivel recreativo e, como non, preocupándose tamén pola contaminación da mesma.

Ría de Ribadeo (non do Eo)
Comentarios