miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Os retos da Consellaría de Educación

Despois de que o informe Pisa (siglas en inglés de ‘Programa Internacional para a Avaliación de Estudantes’) trouxera boas novas para o sistema educativo galego, un mar de complexos asuntos ameaza con poñer en xaque á Consellaría de Educación. Porque, estando máis ou menos de acordo coa existencia de avaliacións externas e uniformizadoras, o alumnado galego destacou positivamente nas materias científicas do último informe Pisa pasando a ocupar o primeiro posto do Estado en Ciencias e o cuarto en Matemáticas, moi por enriba da media dos países da OCDE. De feito, se Galiza for un estado propio, as puntuacións de Pisa situaríannos no posto 9 a nivel mundial en Ciencias e no posto 25 en Matemáticas. A avaliación dos resultados deste informe escapan á extensión desta breve achega e poderían converterse en estudo dunha tese de doutoramento pero dende a miña visión particular hai dous factores que explican os bos resultados de Galiza. Por unha banda unhas familias que seguen apostando pola educación das súas fillas e fillos como factor de reequilibrio social e pola outra a motivación e a implicación dun profesorado que non está sendo ben tratado pola administración nos últimos tempos.

E cansos de tanto desplante por parte da Consellaría de Educación, todas as organizacións sindicais convocaron onte unha folga que tivo uns altos índices de participación no profesorado de primaria e secundaria. O obxectivo do paro era o retorno ao horario lectivo anterior ao 2011 en primaria e infantil (21 horas semanais) e 2012 en secundaria, FP e réxime especial (18 h). Isto non implica traballar menos horas, senón reordenalas reducindo a docencia directa co alumnado e dedicando máis horas á planificación e a coordinación pedagóxica. Porque semella denigrante ter que lembrar que detrás desas horas de docencia hai outras moitas de traballo, non só nos centros de ensino senón nas casas particulares do profesorado, ao igual que aos deportistas, actores... non se lles pode computar só as horas dedicadas ás competicións ou escenificacións. E se antes comparabamos os resultados académicos do alumnado co resto de países agora vemos como o profesorado galego supera, e moito, o número de horas de docencia dos colegas europeos. Só recuperando as horas demandadas conseguiriamos igualar a media do vello continente.

Mudando de tema, outro dos grandes retos é o da creación da primeira universidade privada de Galiza. Esta entidade auspiciada por Abanca, co visto bo da Xunta de Galicia, é unha ameaza clara ao Sistema Universitario Galego que leva anos loitando por unha política de financiamento que garanta un servizo público de calidade ao servizo do país. Esta nova institución, que nace co rexeitamento dos tres reitores universitarios galegos, podería botar a andar no curso 2020-2021. Unha universidade ao servizo da banca, que repetirá títulos ofertados polas tres universidades galegas, con estudos máis caros e impartidos por profesorado sen as garantías da universidade pública.

E remato o artigo co tirón de orellas que o Consello de Europa inflixiu á Xunta de Galiza pola baixada de galegofalantes, por fallar as medidas para garantir a atención dende a administración pública e por unha insuficiente presenza do galego no sistema educativo trala aprobación no 2010 do decreto do plurilingüismo. Este informe insiste en eliminar por completo todas as trabas existentes para impartir docencia en galego trala caída de galegofalantes nas idades máis temperás e porque a transmisión xeracional xa non está garantida. Fronte a un galego en clara recesión o informe aplaude ao goberno vasco pola recuperación dun idioma ata hai poucos anos, moi minoritario.

Os retos da Consellaría de Educación
Comentarios