Opinión

As razóns de pertencer ao BNG

AÍNDA QUE tardei en militar uns anos máis, foi coa maioría de idade, a finais da década dos noventa, cando comecei a participar no BNG de xeito activo, asistindo a mitins, actos e asembleas abertas (aínda que é un termo que parece acuñado polos da nova política o BNG lévao practicando dende a súa creación). Recoñezo que era un momento doado para achegarse ao BNG, xa que a fronte nacionalista se convertía na segunda forza política do país disputándolle a maioría absoluta a Manuel Fraga, mais non era iso! O BNG era o único partido que conxugaba os piares ideolóxicos de moitos mozos e mozas que, coma min, eran nacionalistas, de esquerdas, feministas, ecoloxistas, pacifistas... feito ao que se unía a descuberta de nacionalistas históricos como Bóveda, Castelao, os irmáns Villar Ponte... e, como non, a existencia de persoas de referencia local, no meu caso Quique Casanova. estes foron os motivos reais que animaron a moitas persoas a ir adquirindo cada vez máis responsabilidades dentro da casa nacionalista.

Admiro ás persoas que comezaron a participar no BNG dende a súa creación (que dicir ten dos nacionalistas da ditadura!). Eles abríronnos camiño onde só había monte, nun período ilusionante que se atopaba nas distintas eleccións da década dos oitenta con muros infranqueábeis e recontos que se facían cos dedos das mans. O proxecto agromou e medrou grazas a súa constancia e a fe firme nuns ideais que saben que un obxectivo tan ambicioso como a soberanía do pobo galego non se consegue nun par de anos e quizabes precisemos unha xeración máis.

A claridade e a firmeza ideolóxica da fronte nacionalista (e dos seus antecedentes) fixo que moitas das súas loitas, co paso do tempo fosen asumidas con normalidade polo resto da sociedade e incluso polo resto de partidos políticos (aínda que parcialmente). Outras, pasadas varias décadas, seguen plenamente vixentes e aqueles que nos chamaban os do non ven agora que estabamos no certo. Loitas como a eliminación da cota empresarial encetaron un vieiro no que o BNG se erixía na única forza que defendía o noso agro fronte as políticas de fomento do peche de explotacións ou de forestación de terras agrarias; a paralización da central nuclear de Xove e os intentos de frear a construción de encoros como o de Castrelo do miño son evidentes diante do receo internacional que desatou finalmente o desastre nuclear de Fukushima e as nulas vantaxes que ten para o pobo galego ser claramente excedentario en enerxía eléctrica; a loita histórica contra a explotación mineira das encrobas e os paralelismos actuais das minas de cuarzo chairegas ou de ouro de Corcoesto; a advertencia de que a entrada na Ue traería o finiquito para os nosos sectores produtivos...

Pero os resultados electorais foron acompañando e o BNG demostrou que ademais de na rúa tamén era útil nas institucións, tanto na oposición como no goberno. Así o demostramos durante décadas en distintos concellos galegos (Ribadeo, Allariz, Pontevedra...), nas deputacións provinciais, na Xunta de Galiza e nos parlamentos español e europeo. Alí onde gobernamos puxéronse en marcha políticas sociais, defendeuse a cultura e a lingua galegas, levamos a cabo políticas de igualdade de xénero, de defensa dos sectores produtivos, do patrimonio, do medio ambiente... despois de case oito anos de recortes antisociais toca volver a crear ilusión en tod@s @ s galeg@s!

Comentarios