Opinión

Quixotes no Courel

AO LONGO dos últimos meses é raro o punto da xeografía lucense que non vise a construción dun ou dous parques eólicos na súa contorna. A proliferación é tal que chegan a lugares que nunca pensaría coroados polos xigantescos e modernos aeroxeradores tripala. Unha situación dende logo anómala tendo en conta que a nosa nación é claramente excedentaria en produción eléctrica. Galiza produce un 35% de enerxía eléctrica superior á que precisa para autoabastecerse, regalando o exceso ao resto do estado, fundamentalmente a Madrid que practicamente non produce nada.

Moitas persoas están orgullosas desta posición punteira no Estado Español ou dos beneficios que este exceso de produción debera ter para Galiza. Por desgraza o grande lucro recae en grandes compañías, outrora españolas e hoxe controladas por fondos de inversión ou empresas estranxeiras. Queda aquí un mísero canon eólico, que recada a Xunta de Galiza e reparte cos concellos que posúen aeroxeradores, e algún que outro emprego. Pouca cousa vistos os grandes beneficios que teñen outros a costa de asolagar os nosos montes cos ditosos muíños de vento. Se polo menos pagásemos unha factura eléctrica máis barata, como leva pedindo o BNG en todas as institucións nas que está presente, podería debaterse a cuestión, pero pola contra temos un prezo que en moitas ocasións é superior a outras zonas do Estado que, pola contra, son consumidoras enerxéticas.

A primeira institución que intentou tirar proveito á nosa posición privilexiada no sector eólico foi a consellaría dirixida polo nacionalista Fernando Blanco no período 2005-2009. Cara o final do mandato aprobouse un concurso eólico que supuña un 14% de participación pública nos beneficios das empresas, que ademais estaban obrigadas a inverter na execución de plans industriais nas comarcas onde se ían instalar os aeroxeradores. Un proxecto que supuña uns 12.000 postos de traballo (fronte aos 1.800 creados nos últimos anos de Feijóo) nun momento no que a crise económica azoutou con virulencia a clase traballadora. Un Feijóo presionado polos grandes grupos enerxéticos anulou o devandito concurso nunha das súas primeiras medidas como presidente da Xunta. Anos despois, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e o Tribunal Supremo declararon ilegal a anulación e poucos falan das custosas indemnizacións que entre todos tivemos que pagar ás empresas beneficiarias do concurso.

Así que espoliados, de novo, temos que erguer a cabeza e ver con tristura como o nacemento do Miño leva anos rodeado de muíños de vento (e tamén de eucaliptos) ou como no noso corazón verde, Ancares-Courel, están traballando para levantar un parque eólico. Trátase da Serra do Oribio, entre os concellos de Samos e Triacastela, onde grupos ecoloxistas, culturais, veciñais e políticos, e persoas a nivel particular, veñen de constituír unha plataforma coa finalidade de defender a devandita serra, cales Quixotes do século XXI. Unha actuación cuestionada a nivel legal por tratarse dunha zona de Rede Natura 2000, cun impacto negativo nas inmediacións do Camiño Francés de Santiago, incompatíbel coa futura reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serra do Oribio e do Courel e un claro atentado contra o noso patrimonio cultural (material e inmaterial) e natural.

Remato co comezo do poema O río e as Nereidas de Ramón Cabanillas (Samos, 1958): "Os regueiros do Meda e do Albela e os rianchos que descen do Oribio ó xuntarse nas agras de Lózara trenzaron o río" como mostra dunha fermosura que está a piques de perderse coa construción do parque eólico.

Comentarios