lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Queren converter Catalunya nunha gran cadea?

Ditadura do medo foi a ferramenta escollida por Francisco Franco para manter un réxime antidemocrático durante catro décadas neste estado. Durante ese período empregou as forzas da orde e a xustiza para eliminar a toda facción que non pensara coma el, impoñendo o medo como único cemento dese novo estado. Esas catro letras xustificaron as máis terríbeis actitudes que se poden agardar dos seres humanos, inoculándoo entre a poboación civil de tal xeito que aínda hoxe (44 anos despois da súa morte!) hai persoas maiores que non gustan falar dese período.

Os últimos estertores daquela ditadura, coa colaboración tácita e necesaria dalgún ‘opositor rehabilitado’, decidiron mudar de traxe co fin de homologarse a nivel internacional como así pedían as principais empresas estatais. Hai que lembrar que foi xusto nese intre cando se xestou a carta fundamental que rexe os nosos designios. Moitos dirán que foi aprobada maioritariamente nun referendo popular, pero quen non asinaría un contrato cos ollos pechados despois de corenta anos ‘na cadea’? Calquera saída naquel intre sería beneficiosa a curto prazo, e así foi para moita xente que non foi capaz de ver máis aló.

Polo tanto, toda canta ‘xustiza’ temos emana desa situación que acabo de relatar. Esa vara de medir coa que discriminamos aos "malos" e aos "bos", como lle gusta dicir a Rivera e non ‘ao Primo’ (perdón pola brincadeira), é froito dun acordo nun momento puntual cando a xustiza é unha verba infinitamente máis ampla e duradeira. Naquel decembro do 1978 votaron os meus pais e os meus avós (eu tan só contaba con 16 días), e semella que nos roubaron ás novas xeracións o dereito a votar cousas importantes. Porque efectivamente votamos, claro que votamos! Eliximos maioritariamente o que nos din os grandes medios de comunicación, e se non gusta á primeira, volvemos votar ata que saia o resultado que queren! Non hai problema, mentres votamos esquecemos outros problemas máis importantes e total, o gasto que supoñen unhas votacións son o ‘chocolate del loro’ para as grandes fortunas que nos dominan. Democracia e xustiza, dúas palabras que o enxeño humano tan ben deturpou na actualidade!

E volvendo ao título do artigo preguntaría á caverna madrileña, que pensan facer con Catalunya? Pensaron que o pobo catalán tragaría cun Estatut coas ás recortadas polas hábiles tesoiras ‘mesetarias’. Ignoraron ao pobo nas miles de multitudinarias manifestacións, no 9-N, no 1-O ou no resto de ‘eleccións legais’ de Catalunya (como as posteriores ao 155). Pensaron que o independentismo catalán se circunscribía a unhas elites políticas que poderían eliminar do taboleiro de xogo co paripé do Tribunal Supremo. Pensaron que as porras, pistolas de goma e outras ferramentas policiais funcionarían como armas de sedución cara unha sociedade cabreada, pero outra volta máis ficaron errados.

Cada nova decisión do Estado, dende hai xa moitísimos anos, é un bocado que alimenta un independentismo catalán á alza (non hai máis que analizar o acontecido esta semana). Unhas masas que non se ven afectadas polo medo e que nunca se sabe cara onde evolucionaran. Un conflito enquistado que nunca se solucionará coas forzas da orde e a xustiza, senón co diálogo e a negociación política para que os cataláns poidan decidir que queren para o seu futuro. De nada valerá a aplicación da Lei de Seguridade Nacional, nin un novo 155, nin a ilegalización dos partidos nacionalistas, ou si. A este paso, Catalunya será independente, máis polos méritos dos españois que polos desexos dos cataláns!

Queren converter Catalunya nunha gran cadea?
Comentarios