Opinión

Quen pon couto ao xenocidio israelí?

O etnocidio que se vén practicando coa poboación palestina dende 1948 reduciu os seus territorios á mínima expresión

MILLEIROS DE persoas reclamaron o martes desta semana en 28 cidades e vilas galegas o final do xenocidio do Estado israelí sobre o pobo palestino e o final dunha longa e sinistra ocupación que expulsa aos palestinos das súas casas, das súas terras, dos seus traballos, impedindo que a poboación civil poida desenvolver a súa vida con seguridade e dignidade. Son moitos os países que apoian de xeito máis ou menos explícito a Israel por intereses xeoestratéxicos, económicos ou armamentísticos, pero tamén hai moitos cuxa tácita neutralidade, como o Estado español e a Unión Europea (principal socio comercial de Israel co 29,3% das súas exportacións) e máis que vergoñenta.

Mentres os mortos no bando palestino superan os douscentos (sendo preto de 70 os menores de éidade) e miles as persoas feridas, a Unión Europea (pero tamén Rusia ou os EUA) titubeou vagamente un cesamento do fogo para atopar unha saída política ao conflito. Por suposto este aspecto foi ignorado por completo polo primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu que pensa chegar ata o final para destruír a infraestrutura de Hamas e o resto de milicias, custe o que custe. A política da Unión Europea neste conflito é a de pechar os ollos, sen mollarse máis que o imprescindíbel, e cando as bombas deixen de rachar o aire lavar a conciencia cunha política de axuda humanitaria ou para a reconstrución (algo semellante ao que fai o empresario que explota aos seus traballadores pero que calma a súa conciencia dando uns céntimos a un indixente á saída da misa dominical).

Un conflito no que un David trata de defenderse como pode dos abusos de Goliat que conta cun dos máis potentes exércitos do mundo (miles de tanques, centos de avións militares, o mellor escudo antimisiles que existe...). Diante desta enorme desigualdade non podemos adoptar a equidistancia de falar de guerra entre dúas partes. Trátase dun auténtico xenocidio que debe de avergoñar á sociedade do mesmo xeito que lamentamos hai oito décadas a masacre do nazismo sobre o pobo xudeu. Hitler considerábaos seres inferiores e tratábaos peor que aos animais; Israel pénsase superior e aplica un exterminio disimulado (ou non) do pobo palestino.

As imaxes da evolución temporal do territorio Israel vs Palestina deberían de avergoñar a toda a comunidade internacional. O etnocidio que se vén practicando coa poboación palestina dende 1948 reduciu os seus territorios á mínima expresión, illándoos e impedindo a libre circulación entre eles. Fronte a isto non podemos quedar impasíbeis e o resto de estados deberían de plantar cara ao desprezo de Israel pola resolucións internacionais expulsando os seus diplomáticos ou con elevadas sancións económicas.

Algo semellante pasa co Sáhara Occidental pero isto xa nos salpica directamente como causantes orixinais do conflito. Neste caso tamén existe unha complicidade tácita da comunidade internacional con Marrocos que espolia, ocupa e maltrata o espazo saharauí e que tivo no outono pasado o último e tenso episodio. Aínda que os dous conflitos teñen diferenzas non podemos deixar de establecer comparacións máis aló das cores verde, branca e negra das súas bandeiras. Falamos de pobos sen estado, falamos de represión militar ou policial, de muros da vergoña, de territorios ocupados, de complicidade internacional, de resolucións incumpridas e de moitos outros paralelismos. Cantas mortes inocentes se teñen que sumar nestes espazos para poñer couto aos xenocidas?

Comentarios