Opinión

O porqué de ir
nas listas do BNG

É moi raro (aos que nos interesa a política) chegar a unha eleccións, sexan do tipo que for, nas que non haxa ilusión ou porque sexa posíbel un cambio político ou coa confianza de renovar un proxecto que funciona e que aínda ten moito que ofrecer. E efectivamente estas eleccións non son distintas aínda que o temor polo contaxio do coronavirus poida deturpar a campaña e a xornada electoral, cando non condicionala ou incluso adiala. No que a min respecta, e polo que vexo é unha sensación bastante xeneralizada (sobre todo nos ámbitos máis urbanos), hai ganas dun cambio de etapa despois de máis dunha década de goberno monocolor. Algo semellante ao vivido no 2005, cando PSOE e BNG desprazaron ao PP da Xunta de Galiza despois de 16 anos de fraguismo.

Xa vos podedes imaxinar que para min é todo un orgullo participar no cuarto posto da candidatura do BNG por Lugo e encabezada por Olalla Rodil. Satisfacción por contar coa confianza dos meus compañeiros e compañeiras de organización e ilusionado por ter a mellor candidata posíbel. Hai catro anos (setembro de 2016) xa tiven a oportunidade de percorrer a provincia ao carón de Olalla e teño que destacar dela a preparación, a claridade de ideas, a ilusión, a capacidade de transmitir as mensaxes, en definitiva, a enerxía da mocidade rural galega comprometida co seu pais.
E por suposto é un luxo traballar por que Galiza poida contar, a partires do 5 de abril, cunha presidenta nacionalista e feminista; a primeira presidenta da nosa historia! Porque como nación precisamos dunha vez por todas que nos goberne unha persoa que crea nas nosas potencialidades e que sexa capaz de defendernos en Madrid ou Bruxelas coas mans totalmente libres e sen ter que pedir permiso ao referente de quenda na sede central dos partidos estatais. Unha muller que leve ás institucións os cambios en igualdade de xénero demandados nas rúas durante os últimos 8 de marzo.

Todo iso é posíbel, e eu diría que máis probábel que nunca, polo que vou aventurarme cun prognóstico de cara aos resultados do 5 de abril, un día (como Domingo de Ramos que é) que marcará o inicio dunha semana de ‘paixón’ para os mandatarios do partido popular. Non é difícil intuír quen será o partido que gañe as eleccións, pero farao co amargor de ter que abandonar a Xunta de Galiza porque non acadará a maioría absoluta, quedándose nos 37 deputados/as. A outra das incógnitas para a noite electoral será saber quen vai ser a segunda forza política, e aí estará o BNG con 15 representantes pero con máis votos que o PSOE que só será capaz de subir un escano, quedándose tamén con 15. Por último, vaticino que o conglomerado Podemos-EU-Mareas-Anova... quedará no cuarto posto, con 8 representantes e que o electorado galego será o suficientemente intelixente como para pechar as portas do Parlamento Galego á ultradereita de Vox, xa que Cidadáns semella que colgou as botas antes de comezar o partido.

Con eses resultados, froito da observación das últimas enquisas, da magnífica valoración que a xente fai de Ana Pontón e sobre todo da tendencia no voto nos últimos procesos electorais, o cambio sería tan real como profundo. Ata o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, apuntou na posibilidade dun resultado semellante!

Para rematar, seguindo as normas habituais neste xornal e coa finalidade de non aproveitar electoralmente esta colaboración semanal, suspenderei a escrita dos venres mentres dure a campaña electoral (se non hai cambios por mor do Covid-19, onde todos temos que actuar cunha combinación equilibrada de tranquilidade e precaución). Polo tanto, moito sentidiño e vémonos de novo o venres día 10 de abril.

Comentarios