jueves. 09.04.2020 |
El tiempo
jueves. 09.04.2020
El tiempo

As pallozas de Piornedo, responsabilidade de todos/as

Se tiver que escoller unha aldea como a máis fermosa do interior de Galiza, teríao moi claro. Piornedo, pertencente a unha das parroquias máis extensas da nación (Donís), loce fermosa e chea de vida a máis de 1.100 metros de altitude, no corazón da serra dos Ancares. O seu difícil acceso por estrada fixo que nas últimas décadas non fora absorbida por un remuíño de turismo e transformada nunha aldea con bares e tendas de ‘souvenirs’ en todos os recantos, como foron convertidas todas as aldeas e vilas que loitan por pertencer á elite da fermosura estatal (O Cebreiro, Combarro...).

Digo que loce fermosa por ser o enclave do noroeste con máis pallozas conservadas e por emprazarse nun lugar cuns valores paisaxísticos asociados á natureza que non ten parangón. E digo que ten vida porque pese a sufrir a lacra do despoboamento, como todo o interior galego (e especialmente a zona da montaña), mantiña no 2018 uns 37 habitantes. Un grupo de persoas activo que loita por manter vivas as súas peculiaridades lingüísticas e uns valores culturais que lles son propios (como a festa da Pandeira, entre outras) como legatarios responsábeis que son.

Son moitas as persoas que ao longo da súa vida rematan subindo ata o corazón das montañas de Cervantes para observar un conxunto declarado como BIC. Moitas delas horrorízanse cando ven unha construción teitada con palla (palloza, palleiro ou hórreo) recuberta de uralita ou chapa metálica e botan a culpa aos seus propietarios polo desleixo co que tratan estas xoias da etnografía galega. Estas persoas ignoran por completo a dificultade de manter un teito de colmo e coas antiestéticas chapas, os donos están botando man do seu último recurso por mantelas en pé cando outros moitos optaron directamente por desfacerse delas ou mudar o teito de palla por outro de lousa que dea menos traballo e sexa economicamente máis sostíbel.

Mentres que as administracións se viraron de costas diante do mantemento das pallozas, a veciñanza decidiu traballar de xeito activo para solucionalo pola súa conta. A semana pasada Teitos de Piornedo lanzou unha campaña de recadación, tipo ‘crowdfunding’, baixo o lema ‘Apoio económico para teitar as pallozas de Piornedo’, dentro da plataforma goteo.org. Nela, teñen como obxectivo recadar dende un mínimo de 3.000 euros ata un óptimo de 10.900 euros. En apenas uns días levan conseguido máis de cinco mil euros que evidentemente non serán destinados á contratación dunha empresa que veña teitar.

O proxecto é máis ambicioso e abrangue dende o traballo comunitario e a colaboración social ata a recuperación e mantemento dunha serie de eventos asociados ao cultivo do pan. Porque a veciñanza o que pretende é recadar diñeiro para pechar tres parcelas onde, co asesoramento dun técnico, tratarán de valorar a adaptación e a produción de diferentes variedades de centeo para conseguir palla dura e longa para teitar. Co colmo obtido preténdense realizar operacións de mantemento anual en todas as pallozas do conxunto etnográfico salvagardando un patrimonio tan único como fráxil. Un completo proxecto que pretende chamar a atención e buscar a implicación da sociedade galega en xeral e das administracións públicas que ata hai uns anos aínda colaboraba co seu mantemento (Xunta de Galicia).

Pero o centeo ademais da palla tamén dá un cereal que antes se denominaba directamente pan e que hoxe foi substituído completamente por outro como é o trigo, de padal máis refinado. Así que con esta empresa ademais de recuperar traballos tradicionais como a sega, a mallega ou o teitado, a veciñanza ten a oportunidade de manter outros como a moenda e a elaboración de pan. Ademais en Piornedo aínda conservan un fermoso forno comunal onde poder compartir os froitos dun traballo feito entre todos e todas.

As pallozas de Piornedo, responsabilidade de todos/as
Comentarios