Opinión

Outra estación máis para a navalla do Manuel

O domingo, 8 de setembro, cúmprense quince anos do pasamento do poeta da Terra Chá, Manuel María, e como cada ano a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos celebran en Outeiro de Rei un acto de lembranza e recoñecemento ao poeta nacional, homenaxeado hai tres anos no Día das Letras Galegas. Despois do tradicional xantar de irmandade, do recitado de poemas en Penas de Rodas e da lembranza a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei, a comitiva desprazarase ata a Carballeira de Santa Isabel para entregar a navalla de Manuel María a Xosé Estévez Rodríguez e a Xabier P. Docampo, a título póstumo.

Como de Xabier Docampo xa falamos nun artigo tralo seu pasamento (aínda que todo o que aquí se escriba é pouco dada a súa grandeza), gustaríame mencionar agora outro dos grandes defensores da cultura galega e gran amigo de Manuel María, o investigador Xosé Estévez. Naceu en Quiroga hai setenta e seis anos e a nivel formativo diplomouse en Estudios Eclesiásticos e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade Complutense de Madrid. Xosé comezaría exercendo de crego, sendo moi importante a nivel vital o período 1967-1969 que estivo no concello da Fonsagrada.

Ese, ademais, foi o motivo polo cal tiven o pracer de coñecelo hai oito anos xa que durante a miña etapa como deputado de Cultura colaborouse co Museo da Fonsagrada co fin de publicar o libro ‘Un crego atípico na Fonsagrada 1967-1969’, prologado por Luís Villares. A moitas persoas pódelles resultar curioso que coas experiencias de tan só un bienio de sacerdocio na montaña se poida escribir un libro pero ver o reencontro de Xosé cos seus fregueses, trinta e cinco anos despois na presentación do libro no museo fonsagradino, explicouno todo. A súa bonhomía, a implicación nos problemas da veciñanza ou a defensa da lingua e da cultura do país deixaron fonda pegada naqueles veciños, tanta coma nel quedou a solidariedade e a hospitalidade daquela xente.

Pouco despois de deixar a Fonsagrada Xosé daríase conta de que a súa traxectoria vital non pasaba polo sacerdocio, secularizouse e no 1973 trasladouse a Euskal Herria onde exercería de profesor da Universidade de Deusto (Campus de Donostia) ata a súa xubilación. Alí coñeceu a María Isabel Goñi, tamén profesora, con quen casou e tivo fillos. Xosé doutorouse en Historia e a súa docencia universitaria centrouse na historia contemporánea do Estado así como dos nacionalismos. Colaborou con varios xornais galegos e vascos e ten escritos unha vintena de libros, sendo coautor doutras corenta obras, con especial dedicación á historia de Euskal Herria e do Galeuzca (contracción dos topónimos Galiza, Euskadi e Cataluña e nome co que foron designados varios pactos entre partidos nacionalistas das tres nacións dende 1923 ata a actualidade).

Foi xa no seminario (coma moita xente) onde Estévez deu os primeiros pasos no nacionalismo e acompañado de Manuel María e Saleta Goi involucrouse de cheo na defensa da causa nacional galega. É polo tanto un magnífico custodio da navalla de Manuel, que recibirá de mans de Branca Rodríguez Pazos, quen a levou o ano pasado. Un obxecto que o poeta veneraba por ser quen de partir e repartir o pan e o queixo entre irmáns ata o punto de atesourar unha magnífica colección que hoxe se pode admirar na Casa Museo de Outeiro de Rei.