miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Os perigos do Blue Star

Chegan a nós con fermosos nomes estranxeiros, Prestige ou Blue Star, sementando o terror no noso litoral debido a unha recorrente historia que coñecemos a fartar. Nas últimas cinco décadas levamos sete grandes accidentes marítimos que amosan a vulnerabilidade da nosa costa. De xeito periódico a franxa marítima sofre os devastadores efectos de accidentes de petroleiros ou barcos con perigosos contidos químicos, bombas preparadas para dinamitar os complexos equilibrios dos ecosistemas marítimos. Son habituais porque polo corredor existente diante da nosa costa navegan 35 buques diarios con mercadorías perigosas. Repítense porque os nosos mares, ao contrario que o Mediterráneo, son movidos e bravos e ao longo da historia teñen visto naufragar milleiros de navíos. Son periódicos pola deixadez dunha Administración autonómica que descansa tranquila sentíndose incompetente e vendo como as decisións se toman dende o punto da península máis afastado do mar (curiosa coincidencia!), nada máis e nada menos que a 600 quilómetros da nosa costa.

Tan pouco se avanzou nestes últimos anos para vérmonos de novo nesta situación? É evidente que algo falla

Aconteceu o venres pasado de madrugada. Pasaran a penas unha ducia de días doutra data que todas e todos os galegos temos gravada a ferro incandescente, o 13 de novembro. Este ano cumpríanse 17 do accidente do Prestige fronte á Costa da Morte, período tralo que comezamos a oír falar das primeiras indemnizacións do que se considera o terceiro accidente máis caro da historia (tan só por detrás da desintegración do Columbia e o accidente nuclear de Chernóbil). A comarca de Ferrolterra recibía tremendo a triste noticia dun accidentado Blue Star, buque quimiqueiro de bandeira maltesa e domicilio fiscal nas Bermudas, que encallaba na ría de Ares. Tan pouco se avanzou nestes últimos anos para vérmonos de novo nesta situación? É evidente que algo falla. Por unha banda temos un goberno autonómico que non avanzou nada no teito competencial (estou seguro que de boa gaña devolvería ao Estado algunha das súas competencias) e doutro a ausencia dun partido nacionalista nos últimos anos no Congreso dos Deputados que insistira na transferencia das competencias sobre tráfico e seguridade marítima, así como que o centro de control e salvamento marítimo estivese situado na Galiza co fin de evitar unha fatal perda de tempo en situacións urxentes.

Ese é un dos moitos traballos que lle agardan a Néstor Rego, deputado do BNG , que xa se apresurou tamén a criticar a privatización dos medios de salvamento que deberan de ser unha prioridade pública nun país marítimo coma o noso. Farao directamente nas cortes, xa que a maioría absoluta do PP no Parlamento Galego ten impedido en máis dunha ocasión que Galiza solicite esa transferencia.

Outra das cuestionadas decisións tomadas nos últimos tempos foi a elección da ría de Ares como unha zona para fondear os buques sen ter medios para loitar contra a contaminación. Temos que revivir as imaxes da veciñanza apañando o cru vertido no 2002 literalmente coas mans?

Da calidade das nosas augas dependen moitos postos de traballo, xa non só no sector pesqueiro e marisqueiro, senón tamén nun turismo que aposta pola sustentabilidade dende un punto de vista ecolóxico.

Os perigos do Blue Star
Comentarios