Opinión

O rural na vangarda educativa

COMO ALDEÁN que son (nacín e actualmente vivo e traballo na aldea, por vontade propia) teño que admitir que sempre houbo un complexo de inferioridade con respecto á cidade. Foi maior no pasado e subxace hoxe, de cando en vez, en non poucas persoas. Non toca hoxe debullar no erro desas consideracións en global, porque son evidentes e non quero insultar a intelixencia dos lectores nun tema manido de por si, mais si quero comentar e exemplificar as bondades do ensino no rural, xa que aínda subsisten certos tópicos que xa
pensei que quedaran enterrados. 

Eu tiven a fortuna de estudar sempre no ensino público e de que os 10 primeiros anos de escolarización fosen nun centro rural como o do Corgo. Xa daquela había nenos que estudaban en Lugo (a maioría en centros públicos) ou que marchaban do Corgo no último ciclo da EXB para facelos nun centro da capital. Maioritariamente o cambio non era do ensino público ao privado/concertado (inexistente no rural) senón dun público da aldea a un cidade. Moitos deses nenos xa foran educados en castelán e ese cambio era a última
peza no seu proceso educativo "cidadán", mais noutros casos era pola errada pero estendida crenza de que nos centros de ensino do rural non aprendían máis que a ser brutáns. 

Cun bo equipamento e unha formación específica do seu profesorado, pódense desenvolver novas metodoloxías académicas

Afortunadamente esas actitudes son xa puntuais e contrastan coa dos pais que mudan de domicilio da cidade para a aldea co fin de que os nenos estuden alí, ou dos que fan o esforzo de levalos e traelos a diario a un centro de ensino rural que non lles corresponde, aínda que estes tamén sexan minoritarios. A moitas persoas cústalles entender este enorme esforzo porque a clave non está no romántico respirar de aire puro senón na lóxica de contar con grupos de alumnos máis reducidos, profesores cunha media de idade moi inferior á da cidade e que substitúen sobradamente a posíbel falta de experiencia coa permeabilidade aos cambios metodolóxicos renovadores e por último, e non menos importante, familias estruturadas que respectan e valoran a función docente. Centros cunha atención personalizada ao alumnado, cunha boa oferta de actividades complementarias e extraescolares, con alta implicación familiar e claustros comprometidos. Centros que traballan por proxectos ou que aplican metodoloxías tan complexas como exitosas como son as comunidades de aprendizaxe. 

Unha última tendencia dos pais de zonas do rural, con maior incidencia en zonas de montaña, é a de cambiar aos fillos de centro educativo ante agrupacións de cursos na mesma aula no seu centro de referencia. Sen xustificar para nada os recortes de profesorado no rural pero tendo en conta a perda poboacional do interior de Galiza educativamente é mellor un modelo de pequenas "unitarias" ao de reagrupacións masivas que obriguen á rapazada a facer moitos quilómetros no transporte escolar cara a centros que en moitas ocasións están en outros concellos. 

Nestes minicentros, cun bo equipamento e unha formación específica do seu profesorado, pódense desenvolver novas metodoloxías académicas apegadas á contorna máis inmediata do alumnado que traerán, sen dúbida, moitos éxitos educativos no futuro.

Comentarios