Opinión

O que arde

Oliver Laxe. ARQUIVO
photo_camera Oliver Laxe. ARQUIVO

Queda menos dun mes para coñecer as películas finalistas aos vindeiros premios Goya e O que arde, a película de Oliver Laxe rodada na montaña lucense, aspira a introducirse entre as finalistas nun total de 15 categorías, entre elas, mellor película, dirección e actor/actriz revelación tanto masculino como feminino. A elección será dada a coñecer pola academia o día 2 de decembro e dende logo sería a guinda, ou quen sabe se só un chanzo máis, para unha película premiada xa en importantes festivais internacionais e o que é máis relevante, amparada polo público galego. 

En tan só catro semanas en carteleira foi vista por máis de 50.000 espectadores/as, recibindo excelentes críticas tanto de expertos cinéfilos como do público en xeral. De feito, o filme de Óliver Laxe acaba de situarse de segundo na listaxe das películas galegas con máis espectadores/as da historia (tendo en conta aqueles que foron rodados en versión orixinal galega), só superada, de momento, por Sempre Xonxa de Chano Piñeiro (1989) con máis de 62.000 espectadores/as. 

O que arde naceu co respaldo do xurado en Cannes ao gañar a sección Un Certain Regard (un certame que xa ten galardoado outros dous filmes de Óliver Laxe: Todos vós sodes capitáns en 2010 e Mimosas en 2016), ao que seguirían os premios San Sebastián-Gipuzkoa Film Commission do Festival de Donostia e ao Mellor Deseño de Son no Chicago Film Festival. Sen dúbida, estes galardóns empuxaron a que fosen 49 salas, en todo o Estado, as que se sumaran á estrea comercial da película galega recollendo a incríbel suma de 11.000 espectadores/as na primeira fin de semana. 

A película, rodada con actores e actrices non profesionais elixidos nun cásting celebrado en Navia de Suarna hai case tres anos, non deixa indiferente a ninguén pola temática que trata e que estivo tan presente na memoria da veciñanza dos Ancares tralo sucedido no outono de 2017. Tarefa complicada, a de gravar sobre lume en terra queimada, e sen embargo tan ben ilustrada segundo a opinión de moitas persoas que traballan nos distintos operativos contra incendios nas Serras Orientais de Galiza. 

Outro dos retos era o de retratar o rural galego, e en especial, o da montaña lucense; ese complexo maridaxe entre a fermosura da paisaxe e a crueza da vida dos que alí viven. Oliver, nacido en París no 1982, foi capaz de desenterrar as súas orixes ancaresas para representar dun xeito poético a realidade da nosa montaña. Parabéns a Laxe por internacionalizar o noso idioma, a nosa cultura e por descubrir a un elenco de actores e actrices locais que fan un magnífico traballo na película. 

Grazas tamén por lembrarte de Navia de Suarna para facer a súa preestrea. Para unha vila de escasos 1.000 habitantes supuxo unha gran festa ateigar a praza central para visualizar e apoiar ao equipo de Óliver. A fin de contas, moita xente da montaña colaborou para levar a cabo este proxecto e aí radica a maxia e o éxito do mesmo. Grazas, en definitiva, por insuflarnos autoestima aos que vemos día a día como as nosas aldeas seguen a sangrar poboación dun xeito irreversíbel.

Comentarios