Opinión

Nuclear na Galiza: NON

Non sei se é un globo sonda ou vai máis aló. O único que sei é que como sociedade temos que reaccionar decontado diante da proposta da Comisión Europea de recoñecer á enerxía nuclear como verde, como pouco, ata o ano 2045, co fin de recibir parte das axudas dos fondos Next Generation. Teño que recoñecer que nunca pensei que dende Europa viñeran abrir este debate, inocente de min!

E cando falo de nuclear non, estoume a referir ás tradicionais centrais de fisión, nas que un núcleo pesado, como o do uranio, fende ao incidir sobre el un neutrón emitíndose no proceso dous núcleos máis lixeiros, máis neutróns (que hai que controlar para evitar unha reacción en cadea do estilo das producidas nas bombas atómicas), radiación gamma e grandes cantidades de enerxía (que se pode calcular pola famosa ecuación de Einstein a partires da perda de masa producida no proceso). Neste tipo de enerxía nuclear os perigos veñen por dúas vías: se o funcionamento da central é segundo o agardado xerará residuos radioactivos altamente perigosos para a vida durante centos de anos que teremos que depositar nalgún sitio (perigo controlado a moi curto prazo, nada máis); porén, un mal funcionamento da mesma (accidente, atentado...) converterase nunha auténtica bomba de reloxaría non só para o lugar do seu emprazamento físico senón tamén para toda a súa contorna.

O accidente de Chernóbil queda xa moi lonxe (non só no tempo senón tamén no espazo). O chiringuito nuclear (non se lle podía chamar doutro xeito) de Chernóbil rebentaba en Ucrania en 1986 no que sería o accidente nuclear máis grande da historia con miles de mortes e o desaloxo inicial dunha área de 30 km de raio arredor da central. Rebentaba dende dentro por mor dunha serie de fallos de seguridade. Fukushima, aínda estando a máis quilómetros, vémolo máis preto de nós xa que se produciu nunha sociedade avanzada (ademais tivo lugar hai tan só 11 anos). Certo é que son máis as diferenzas que as semellanzas entre os dous accidentes pero as consecuencias no Xapón seguen aí (miles de persoas desprazadas e residuos que, aínda a día de hoxe, non saben que facer con eles).

Afortunadamente Galiza non ten ningunha central nuclear de fisión (era o que nos faltaba!) pero si que houbo un intento para situala en Regodela (concello de Xove). Naquel intre a sociedade galega, animada polo nacionalismo social, reaccionou contundente cunha serie de marchas en anos posteriores que permitiu aparcar un proxecto que viña adornado de millóns de pesetas e miles de postos de traballo.

Dese mesmo xeito tratarán de vendernos unha nova central nuclear pero agora atopan o terreo perfectamente abonado. Por unha banda a crise industrial que vive Galiza, concentrada entre As Pontes (que xa tería parte da infraestrutura montada) e A Mariña. Por outra, un substrato social que está queimado coa suba do prezo da enerxía eléctrica e que vería con bos ollos a implantación dun tipo de enerxía modulable e barata.

O debate está servido e toca posicionarse con rotundidade. Eu digo NON á enerxía nuclear de fisión, e menos nunha Galiza que é claramente excedentaria e que está a sufrir xa un proceso de invasión eólica sen parangón. Como profesor de física e química albergo esperanza na enerxía nuclear de fusión (esa que libera enerxía unindo núcleos de átomos lixeiros), mais ese proxecto aínda está verde e non será a solución ao problema enerxético nin ambiental actual. Nese tipo de enerxía os combustíbeis nucleares son abundantes e baratos, non emite CO2 e a radioactividade dos residuos é menos duradeira. Pero o dito, toca agardar.

Comentarios