Opinión

Novo pulo á feira de Gomeán

Asociación de Veciños de Gomeán está apostando por recuperar a devandita feira para algo máis que a parte culinaria [...] Preténdese que sirva para comercializar produtos locais, artesanais e razas autóctonas

ATA FINAIS do século XX, cando a capitalidade municipal comezou a concentrar os servizos locais, o concello do Corgo contaba con dous grandes polos a nivel económico, comercial e de servizos, artellados a carón da estrada nacional VI: Laxosa e Gomeán –moitos deses negocios rematarían desaparecendo co ensanche da estrada–. Mostra da súa importancia foi que ambas as dúas parroquias contaron con cadansúas feiras. A de Laxosa tivo unha vida efémera e a súa creación debeuse á importancia que a estación de ferrocarril tiña naquel entón. Chegou a celebrarse na segunda década do século XX, os días 21 de cada mes e nun espazo próximo á estación. A de Gomeán tivo unha historia máis longa e foi chegando aos nosos tempos, pero sempre á sombra da feira de Adai, que era a máis antiga –xa está documentada no século XVIII, no Catastro de Ensenada– e importante, non só do concello do Corgo, se non da contorna máis próxima. Segundo a investigadora Xema Sanxurxo Rodríguez, que elaborou un artigo que leva por título De feira en feira. Hoxe imos ao Corgo, publicado na revista Corga nº 5, en xaneiro de 1914 a veciñanza da parroquia pediu no concello a concesión dunha feira a celebrar os días 4 de cada mes. A administración local denegou o permiso pola existencia de dúas feiras moi próximas –Adai e Laxosa– e dez nunha circunferencia de dez quilómetros. Porén, unha década máis tarde seríalles concedida unha feira de gando vacún e de produtos de tempada os días 23 de cada mes.

Polo tanto a feira de Gomeán especializouse en vacas e xatos, vindo autobuses de toda a contorna con tratantes e feirantes en xeral, e habendo moitas actividade nas casas de comidas e negocios da parroquia. A mediados dos anos 60 do século pasado a feira comezou a minguar, desaparecendo o gando e posteriormente o mercado, porén na última década e media asiste, os 23 de cada mes, un polbeiro con moita demanda tanto para comer nun caseto de madeira construído pola Área de Cultura da Deputación de Lugo no ano 2011 como para levalo nunha ola para a casa.

O campo da feira, situado na estrada que une Gomeán co Alto, é un espazo que conta cunha fermosa carballeira e que aínda hoxe posúe en pé a báscula do gando. A carón atópase a antiga escola de Gomeán, hoxe espazo usado pola veciñanza para realizar distintas actividades culturais e formativas, e o campo foi reconvertido en espazo de lecer cunha pista deportiva e algún aparello de facer ximnasia ao aire libre, a maiores do caseto multifuncional antedito. Atrás queda o auxe destes eventos nos séculos XVIII, XIX e na primeira metade do XX –coa redención de foros–. Mais diante da decadencia económica xeneralizada das feiras galegas segue estando presente unha función social imprescindíbel que é a de relacionarse coa veciñanza –como o adro da igrexa á saída da misa ou as tabernas–.

Porén, a Asociación de Veciños de Gomeán está apostando por recuperar a devandita feira para algo máis que a parte culinaria e deseñou unha feira con vocación de continuidade anual que se vai celebrar o vindeiro domingo, 29 de agosto –a idea é mantela neste mes–. Preténdese que sirva para comercializar produtos locais –excedentes de colleita...–, artesanais e razas autóctonas. Ademais haberá demostración de oficios tradicionais e un obradoiro de cerámica a cargo de María Sánchez Castedo. A maiores a música e o baile galego estarán presentes da man da Asociación Cultural A Legua Dereita, tamén do Corgo.

Quero felicitar á Asociación de Veciños de Gomeán, que preside Roberto Besteiro, pola iniciativa, así como ao Concello do Corgo polo seu apoio. As feiras locais que aposten por produtos sans, de calidade, ecolóxicos, sustentábeis e de proximidade volverán ter futuro diante da creba do sistema económico actual por mor da globalización. Longa vida ás feiras do rural!

Comentarios