domingo. 25.07.2021 |
El tiempo
domingo. 25.07.2021
El tiempo

A necesidade de pechar ciclos en Galiza

DESAFORTUNADAMENTE somos un país que non pecha ciclos. Dende sempre, gastamos os nosos recursos naturais, humanos, enerxéticos, económicos en comezar proxectos que despois renderán noutras partes do mundo. Galiza é a maior produtora de leite a nivel do Estado, cun 40% do total de materia prima producida en preto de sete mil granxas (unha décima parte das existentes hai preto de trinta anos). A marxe económica que queda nas modernas e grandes explotacións actuais é pequeno en comparanza co investimento realizado nelas, porque as grandes ganancias rexístranse na transformación do leite. Por desgraza a metade do leite producido en Galiza sae sen procesar do territorio galego e mostra do escaso peso que ten a industria galega no conxunto do Estado é que para atopar a primeira con capital galego hai que baixar ata o posto 16 da clasificación (Leite Río). Por se fora pouco, hai que lembrar que o envasado como leite líquido (o 58%) é o que aporta o menor valor engadido (ao contrario que iogures, queixos...).

O mesmo acontece co sector forestal. A produción madeireira galega supón da orde do 50% dos aproveitamentos de todo o Estado, sendo un sector que gaña peso na economía de Galiza. Por desgraza, o rendemento económico non se atopa na produción senón na transformación e en Galiza, ao igual que antes, non somos capaces de pechar os ciclos produtivos. Temos serradoiros e fábricas de taboleiros artificiais pero carecemos dun sector do moble potente. Temos unha fábrica de pasta de papel en Pontevedra (que non procesa toda a madeira que ten ese fin) pero tampouco somos capaces de obter o produto final.

Somos un país aforrador, pero ese capital bancario serve para promocionar sectores económicos fóra das nosas fronteiras. Conscientes do potencial que tiñan as nosas caixas de aforros (que sen ser o modelo ideal tiñan unha obra social e o obxectivo de promocionar os sectores económicos propios), dende Madrid decidiuse promocionar a bancarización para poder dispoñer dos nosos aforros sen ningún rubor e coa aquiescencia de parte dos sectores económicos e políticos galegos. Son só tres exemplos pero atopariamos o mesmo problema en practicamente todos os sectores económicos.

O mesmo pasa co noso capital humano. Se outrora exportamos man de obra pouco cualificada a outras zonas do estado e ao estranxeiro, hoxe facémolo de profesionais altamente cualificados. O informe Fuga de talentos en Galiza: mito ou realidade do Foro Económico advirte de que cada ano o custe que implica a formación do talento que acaba emigrando supón unha perda económica de entre 178 e 311,5 millóns de euros para Galiza. Unha cifra que fala por si soa e que nos convida a reflexionar sobre se o investimento actual galego en investigación (o 0,98% do PIB) é suficiente ou non. Dende o BNG propoñían esta semana no Parlamento galego, sen moito éxito, incrementar este investimento ata o 2,5% progresivamente co fin non só de frear a fuga de talentos, senón de permitirlles aos emigrados a oportunidade de retornar ao seu lugar de orixe. De novo, o Foro Económico de Galiza lembra que no país atopamos o nivel máis baixo de traballadores e traballadoras en actividades de I+D+i por cada mil persoas activas de toda a contorna (Europa, España, Portugal, rexión norte lusitana...).

Pero se a situación da mocidade que emigra é complexa, a que queda aquí non atopa un panorama moito mellor. Tamén esta semana o PP rexeitaba unha moción do BNG para implementar políticas de emprego contra a precariedade laboral da mocidade. O actual modelo laboral precariza o emprego xuvenil coa concatenación de contratos temporais que impiden que a mocidade poida levar unha vida digna e lle permita lograr a tan ansiada emancipación.

A necesidade de pechar ciclos en Galiza
Comentarios