Opinión

O necesario debate arredor dos centros plurilingües

EXISTE unha tendencia cada vez maior de centros de ensino primario e secundario que abandonan o modelo bilingüe no Estado. Hai uns días un xornal de ámbito estatal facíase eco de que preto de 90 centros das dúas Castelas e Navarra saían do programa para volver a dar as materias en castelán, vistas as enormes dificultades de aprendizaxe que os alumnos amosaban na materia correspondente e o nulo avance do dominio do inglés que estas experiencias acadaban. En Castela-A Mancha abandonaron 80 centros dos 271 que integraban o modelo creado no curso 2005-2006, nunha onda que pouco a pouco vai percorrendo outras comunidades autónomas do Estado.

Na Galiza non falamos de centros bilingües, senón de centros plurilingües pola presenza (cada vez máis reducida) do galego. Segundo a consellaría son centros plurilingües aqueles nos que se imparten nunha lingua estranxeira áreas ou materias non lingüísticas, cun máximo dun terzo do horario lectivo, e dirixido a todo o alumnado do nivel educativo obxecto do programa plurilingüe. Máis de catrocentos cincuenta centros levarán o adxectivo de ‘plurilingüe’ no curso 2021-2022 sendo a maioría deles centros de infantil e primaria que imparten en inglés as materias de plástica, música ou educación física.

En parte, este apelativo vén sendo un gran timo e un engano superlativo ás familias. Parece normal pensar que se un alumno/a estuda nun suposto centro denominado CEIP/IES Plurilingüe Maruxiña da Forneira e remata cumprindo os obxectivos das etapas educativas correspondentes, ese sexa un alumno ou alumna plurilingüe. Sen haber estudos ao respecto publicados pola propia Consellaría de Educación (dez anos despois penso que xa vén sendo hora, agás que se trate de agochar algo) non parece que haxa que ser moi asisado para ver que o alumnado dun centro destas características sae co mesmo dominio de inglés (o idioma estranxeiro maioritario neste tipo de experiencias) que o dun centro normal. Podemos dicir entón que este proxecto non é máis que pura propaganda saída dun momento político (a chegada de Feixóo en 2009) no que había que apertar os miolos para acurralar a presenza do galego no ensino obrigatorio baixo un halo de excelencia e innovación educativa.

Eu nunca fun partícipe dunha experiencia bilingüe (seccións bilingües...) no ensino (négome de xeito categórico) pero si teño moitos compañeiros e compañeiras que con moita ilusión comezaron impartindo algunha materia en inglés (algún deles coa idea de poder concursar para unha praza bilingüe e adiantar a outros profesores/as con maior puntuación co fin de traballar nun lugar próximo ao domicilio). O desánimo foise estendendo diante das dificultades atopadas no camiño pero sobre todo porque vían que o ensino da materia en cuestión se minoraba ata o punto de ter que repetir todo no idioma do alumnado.

Pero se os resultados académicos nas materias científicas son peores, non digamos a calidade do inglés (insisto, o idioma estranxeiro predominante) impartido nesas sesións tendo en conta o baixo nivel esixido para poder impartir esa docencia (B2 en case todas as autonomías). As interferencias coa materia de idioma estranxeiro, impartidas por un especialista de verdade, provocan roces e desconcerto entre o alumnado (mala sintaxe e sobre todo mala pronuncia).

Recomendo a visualización do documental ‘La chapuza del bilingüismo’ (nas redes pódese acceder en aberto) que analiza este fenómeno en todo o Estado, aínda que estea moi centrado na Comunidade de Madrid. Recomendo tamén fomentar o debate na Galiza sobre a utilidade desta rede de centros que non deixa de ser unha escusa de que se fai algo para mellorar o nivel de inglés do alumnado cando o realmente importante sería duplicar a presenza de profesorado de inglés (predominantemente nativos) nas aulas, co fin de reducir as ratios e mudar a metodoloxía imperante.

Comentarios