domingo. 27.09.2020 |
El tiempo
domingo. 27.09.2020
El tiempo

As múltiples 'Marías Solinhas'

O 20 de xullo comezaba o calendario de estrea da película María Solinha por distintos concellos da provincia de Lugo de man da Área de Cultura da Deputación. Ao longo dun mes a película de Ignacio Vilar está recaendo en todas as comarcas da provincia lucense con proxeccións ao aire libre e coa vantaxe de debater co director da película antes e despois da proxección do filme. A posibilidade de ver a película, coa distancia interpersoal garantida, ao aire libre e nun circuíto moi próximo e diferente ao comercial resultou moi acaída para este atípico verán no que os gromos da Covid-19 ameazan por estoupar nunha segunda onda.

María Soliña foi a máis famosa de entre as múltiples mulleres vítimas do Tribunal do Santo Oficio, máis coñecido como Inquisición, no decenio 1619-1628 en Cangas. A caza de bruxas foi provocada pola pobreza xeneralizada que seguiu á invasión turca de 1617 e na cal a pequena nobreza local acusou a moitas viúvas adiñeiradas de bruxas (xunto con mulleres pobres) co fin de requisar os seus bens e os seus dereitos de presentación. Estes últimos dábanlle aos sucesores do fundador dunha igrexa a posibilidade de elixir ao titular da mesma cando quedara vacante pero tamén participar nos beneficios que esa igrexa xerara.

María Soliña estaba casada con Pedro Barba, adiñeirado pescador da vila con dereitos de presentación. Trala morte do marido nos ataques turcos é obxectivo da Inquisición en 1621 co fin de lle furtar todos os seus bens. María é sometida aos máis atroces tormentos ata que por mor do suplicio chega a confesar que levaba sendo bruxa dende había máis de 20 anos, participando en distintos actos co diaño e suplicando clemencia ao tribunal. Ela sería a que máis transcendería na memoria popular pero xunto a Soliña unha morea de mulleres sufriu nas súas carnes a avaricia e os abusos dunha sociedade machista cuxa sombra chega ata o século XXI.

A película de Ignacio Vilar amosa os paralelismos existentes entre esas sociedades separadas por 400 anos e como o machismo emprega distintas carautas para oprimir ás mulleres. Opresión no ámbito laboral, no familiar, no sexual... Violencia patriarcal executada por un único agresor ou por covardes e infames manadas. Vilar emprega a lenda do Dragón de Redondela como símbolo desa opresión histórica contra as mulleres nunha magnífica película con banda sonora do lucense Abraham Cupeiro.

Felicito ao equipo dirixido por Ignacio Vilar polo resultado da película que pon no tinteiro unha lacra vixente a través dunha das mulleres máis famosas e bravas da nosa historia. Agradézolle a Ignacio a posibilidade de poder consumir cinema en galego, levando á gran pantalla a nosa cultura e a nosa paisaxe. Unha magnífica película que chega despois dunha densa filmografía na que destacan A esmorga, Sicixia, Vilamor, Pradolongo... demostrando que Galiza é berce de grandes directores de cinema (Jorge Coira, Oliver Laxe, Diana Toucedo, Eloy Enciso, Andrés Goteira...).

Remato cunha estrofa do poema escrito por Celso Emilio Ferreiro e no que se pode substituír Cangas polos múltiples lugares onde o machismo segue perpetrando os máis atroces ataques contra as mulleres: "Baixo os tellados de Cangas / anda un terror de auga fría / ai, que soliña quedache, / María Soliña".

As múltiples 'Marías Solinhas'