Opinión

Monte galego: oportunidade e talón de Aquiles

Segundo o IV Inventario Forestal Nacional (ferramenta de actualización decenal), Galiza conta con algo máis de dous millóns de hectáreas de superficie forestal, o que representa arredor do 70% de toda a súa superficie. De todo este terreo, só o 70% se atopa arborado, sendo o 30% restante (arredor das 600.000 hectáreas) improdutivo a nivel forestal, pero importante tamén dende un punto de vista natural. A nivel provincial é Lugo a que lidera o ranking galego en cantidade de monte xa que concentra o 34% da superficie forestal galega, seguido da Coruña cun 29%, Ourense cun 22%, pechando as cancelas Pontevedra cun 15%. A nivel de estrutura da propiedade o 97% está en mans privadas, destacando a figura dos Montes Veciñais en Man Común (MVMC), tan típica do noroeste peninsular, que ocupan un terzo de toda a superficie forestal galega (662 mil hectáreas).

Vistos os datos anteriores podemos sacar, como mínimo, un par de obvias conclusións. O monte supón unha oportunidade económica bestial para Galiza (líder no Estado en produción e exportación de madeira), que na actualidade só representa o 3,5% do seu produto interior bruto (PIB) por unha serie de motivos: o sector está pouco profesionalizado, mal xestionado, en xeral, e como vimos cos datos anteriores, temos unha superficie infrautilizada. Se é rechamante a porcentaxe de monte non arborado, a esta hai que sumarlle un tanto por centro, que non está calculado, de superficie forestal arborada que está abandonada (herdanzas sen repartir e outras problemáticas). O 30% improdutivo é un dato moi elevado se o comparamos co de países produtores de madeira a nivel europeo e que andan entre un 10 e un 20%.

Se todos os datos anteriores apuntan ao monte como unha oportunidade económica (actualmente desaproveitada) para seguir desenvolvendo no futuro, tamén indican que este é na actualidade toda unha polvoreira que agarda polas condicións climáticas oportunas para provocar o DESASTRE que estamos a vivir dende hai dez días. Sobra a descrición dos feitos porque o lector e lectora ten visto ao longo destes días distintas imaxes explícitas e arrepiantes do que está acontecendo en distintas partes do país e que dificilmente poden ser descritas por un feixe de verbas.

As solucións, en parte, sabémolas e repetímolas como unha ladaíña todos os veráns, mais pasan os meses de estío e quedan no esquecemento: medidas para solucionar o minifundismo dos terreos forestais, ordenación do monte, plantación de especies autóctonas (manifestacións como “Salváronnos os soutos. Debería haber un día santo para os soutos” recollidas por Neves Neira esta semana no Courel son ben expresivas) e aproveitamento multifuncional para evitar o monocultivo de pirófitas.

Pero a clave sempre esquecida do conflito segue a estar no ensino. É triste ver como o currículo da Eso segue a esquecerse do rural, e do noso monte en particular. O alumnado que remata o ensino obrigatorio non ten nin a máis remota idea de que facer co 70% da superficie do país. Isto é básico para formar aos vindeiros propietarios e para canalizar a futuros profesionais cara a unha FP con moitísima saída no futuro. Hoxe catro centros de ensino na provincia (Castro de Ribeiras de Lea, Mondoñedo, Becerreá e Ribadeo) ofrecen ciclos formativos relacionados co monte nos que quedan prazas libres todos os anos mentres vemos como outros con menos saídas profesionais teñen lista de agarda.

Aínda que antes comentei que as palabras non eran quen de describir a situación, hai excepcións a este feito polo que quero rematar co final do poema ‘Chegará o día’, escrito por Olga Nova esta mesma semana:

«E o lume de todos os poderes que non ven a beleza porque non a levan dentro.
Mais, chegará o día en que sobre as miñas cinsas abrollará a vida.»

Comentarios