jueves. 28.05.2020 |
El tiempo
jueves. 28.05.2020
El tiempo

A monarquía española sofre de corinnavirus

XA SEI QUE me despedira ata o 10 de abril por formar parte da candidatura do BNG, pero hai que ver como mudaron as cousas esta semana! Xa non hai eleccións, vivimos nun estado de alarma e ‘papá Juanca’ xa non ten paga por parte da Casa Real. Vaia, o mundo patas para arriba e nós na casa de brazos cruzados (ben, na aldea isto é relativo porque a incipiente primavera sempre carga o lombo e enche as mans de bochas). Así que aquí estou de volta e coa cabeza chea de ideas para compartir convosco. A xestión do Covid-19 tanto estatal como autonómica, a posta en valor do público fronte o privado (especialmente a sanidade pero tamén o ensino e os servizos sociais), ou o máis que apetitoso e monumental escándalo da Casa Real Española.

Que os Borbóns son uns ladróns (perdón pola rima fácil) ven de vello e non toca agora facer unha análise histórica de latrocinios e corruptelas monárquicas porque o espazo do artigo é moi limitado e chega con analizar o último escándalo. Imaxinades a nova quince días antes, ou dentro duns meses (máis do que nos contan), cando o Covid-19 sexa ‘case’ pasado? O cabreo da sociedade sería máis que monumental! Porén a Casa Real, coa complicidade das estruturas políticas estatais, dos principais partidos e dos medios de comunicación, escolleu o momento máis oportuno para anunciar o que xa non podía agocharse moito máis, que o Borbón vello fora un ladrón descomunal; e ningún momento mellor que a declaración do estado de alarma e a recentralización do Estado por real decreto.

A monarquía sempre estivo un paso por enriba do resto da plebe e mentres nós somos susceptíbeis de contaxiarnos co coronavirus a Casa Real Española colleu outro máis fino e elegante, o corinnavirus. Deben de ser cepas distintas do mesmo virus porque a chegada ao estado coincidiu no tempo!

A sociedade española sempre se riu da ‘pobre da Elena’ por ser a fea e a tonta dos tres irmáns. Como cambiou o conto dende hai uns anos! A infanta Cristina non se decataba de nada dos ‘chanchullos’ do marido (e dela) e vai agora o Felipe e descubre que é o beneficiario dunhas sociedades escuras que ‘sisaron’ centos de millóns de euros (o día que se tire da manta aparecerá o iceberg enteiro). O movemento xadrecístico do domingo foi bestial, imaxínome as discusións en palacio: “Aquí estamos todos enmerdados, se queremos manter o chiringuito temos que sacrificar a alguén”, e as miradas acusadoras ao Rei emérito. E Juan Carlos, que agora e sempre pasou de todo e fixo o que lle deu a gana, asumiu o papel de malo para que o seu fillo asumira o papel de heroe e dera continuidade a esa institución carca e casposa.

Iso si, despois do anuncio da Coroa de quitarlle a asignación económica e da quimera da renuncia á herdanza os medios de comunicación pecharon filas coa Casa Real e reduciron ao mínimo unha noticia que debería encher toda a portada, porque saben que ‘El Rey’ simboliza unha España única sostida hoxe e sempre pola forza e o medo. Se non buscade nos medios de comunicación como quedaron reducidas as apupadas de protesta contra a monarquía deste mércores.

Querido Felipe VI, non podes renunciar ao que non tes. Quedará moi bonito nos medios para tratar de quitar o lixo que tes enriba neste intre (que sempre tiveches, pero ben maquillado) pero o artigo 816 do Código Civil indica que non cabe renunciar a unha herdanza futura xa que ninguén pode renunciar a dereitos que aínda non adquiriu. Pola contra, si que adquiriches unha coroa (noutro momento histórico onde a Casa Real fixo un movemento rápido e preciso para sobrevivir) e diso si que podes, e debes, renunciar. Unha coroa imposta por un ditador sanguinario e cruel que está en contra de todos os parámetros actuais de democracia, igualdade, transparencia, solidariedade... Viva a República, pero galega!

A monarquía española sofre de corinnavirus
Comentarios