Opinión

Mil e unha Tanxugueiras polas que loitar

Cada vez que agroma nova información arredor do Benidorm Fest máis grande semella o escándalo (ou como se di coloquialmente: ‘tongo’) arredor da elección da canción que representará ao Estado en Eurovisión. Teño que dicir que non adoito ver a tele, e moito menos os concursos de música, mais este ano as Tanxugueiras fixeron que vise un anaco da final do sábado e que me propuxera ver todo o festival de Eurovisión se elas pasaban. Recoñezo que non me atopo moi capacitado para discutir de música, teño os meus gustos, mais fáltame formación para poder opinar, porén, o tema que levaron ao festival cativoume dende o principio.

Despois da rolda de prensa feita mércores pola directora de Comunicación e Participación de RTVE semella que non fun o único ao que lle gustou, porque un 71% de votos, habendo oito participantes, paréceme un arrase que xa quixera Manuel Fraga en Galiza nos seus tempos gloriosos. A canción gustou en todos os territorios do Estado pero conseguiu a unanimidade do pobo galego que colleu a consigna ‘Tanxugueiras’ como se for unha cuestión de Estado.

Segundo vai saíndo información (a votación do xurado individualmente, as opacas relacións entre algún membro do xurado con GestMusic, a factoría que produciu Chanel...) máis noxo dá todo o que se move nese tipo de festivais, e concordo coa maioría dos artigos que se foron escribindo neste e noutros medios de comunicación galegos (e de fóra). Mais atrévome a achegar dous pequenos puntos de vista: a canción estaba en galego e aínda que a cidadanía demostrou que iso non era unha eiva, o aparello institucional e industrial si. Por outra banda, se esa mesma canción estivera en catalán (iso si que é imposíbel de imaxinar, ben sei) non tería o apoio unánime do público polo perigo político que representa Catalunya para a ruptura do Estado (e o pouco que supón, por desgraza, Galiza na actualidade).

Pero non vin falar neste artigo do Benidorm Fest (aínda que o disimule mal), senón para facer fincapé en que cando o pobo galego se une nun obxectivo é invencíbel. Demostrámolo moitas veces ao longo da historia, pero tamén recentemente (Nunca Máis, participacións preferentes...), e o fenómeno Tanxugueiras visualizouno tamén a menor escala. Propoño seguir loitando polas moitas afrontas que a día de hoxe nos seguen ameazando como pobo.

Tanxugueiras é tamén un sistema de financiamento adecuado que nos permita desenvolvérmonos como pobo, blindando os servizos públicos e apostando por pechar ciclos económicos na nosa Terra. Tanxugueiras son os centos de parques eólicos que van arrasar a nosa paisaxe en terra e no mar (onde xa planean o maior parque eólico mariño do Estado). Tanxugueiras é o mantemento do tecido industrial galego que ameaza con que centos de familias e varias comarcas queden totalmente desamparadas. Tanxugueiras tamén é para Lugo poder contar cuns servizos ferroviarios óptimos que nos comuniquen primeiramente co resto de cidades galegas e despois co resto do Estado.

Entendo, e comparto totalmente, o cabreo provocado polo suceso do sábado, mais por desgraza que as Tanxugueiras vaian á Eurovisión ben pouco vai cambiar as nosas vidas e o reto de visualizar a nosa cultura polo mundo adiante xa foi conseguido aínda que non estean fisicamente en Turín. Agora si, temos ducias de loitas polas que saír á rúa a canalizar o noso cabreo e a primeira, e máis importante, cando cheguen ás eleccións xerais, votando a deputados e deputadas galegas que nos seus votos no Congreso non sexan submisos a decisións que se adoptan a máis de cincocentos quilómetros das nosas casas.

Comentarios