jueves. 29.07.2021 |
El tiempo
jueves. 29.07.2021
El tiempo

Meirás, un pouquiño máis preto

El Pazo de Meirás. CABALAR
El Pazo de Meirás. CABALAR

ESTE MARTES  fixo tres anos da publicación do meu artigo Devolución do pazo de Meirás neste xornal. Había tan só dous días que un grupo de nacionalistas (BNG, Galiza Nova e CIG) e de persoas vinculadas a colectivos de recuperación da memoria histórica ‘tomaban’, de xeito simbólico, o pazo de Meirás. Este colectivo, que sería alcumado posteriormente como @s 19 de Meirás, logrou situar a problemática no foco informativo e de paso protestar diante da negativa do PP a convocar un pleno extraordinario no Parlamento Galego para tratar a recuperación do pazo de Meirás. Digo isto porque tres anos despois todas as forzas políticas queren colgarse a medalla da recuperación de Meirás para o patrimonio público pero mentres unhas tiveron un papel activo, outras dedicáronse a aplaudir e outras a poñer pedras no camiño nesa eterna connivencia co antigo réxime.

Naquel artigo explicaba de xeito moi resumido as razóns da devolución, algo que documentou moi ben a titular do xulgado de primeira instancia nº 1 da Coruña, Marta Canales, nas 400 páxinas do fallo xudicial que sentencia que a familia Franco ten que devolver Meirás ao patrimonio público por ser un "agasallo" ao xefe do Estado e non a el como persoa física. Unha sentenza sólida que recolle 17 testemuñas e que se constitúe en magnífico alicerce diante dun posíbel percorrido xudicial de recursos por parte da familia en catro órganos máis.

En agosto do ano 2017 a Deputación da Coruña, por mandato da súa vicepresidenta, Goretti Sanmartín, constitúe a Xunta Pro Devolución do Pazo de Meirás (en oposición á nomenclatura empregada en 1938 coa Xunta Pro Pazo). A esa Xunta que incluía a Universidade da Coruña, a Iniciativa Galega da Memoria e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, fóronse adherindo numerosas institucións galegas e do estado co fin de recuperar o inmoble e frear a exaltación da grandeza do ditador que a Fundación Nacional Francisco Franco facía nas visitas obrigadas ao complexo por ser Ben de Interese Cultural. A Xunta Pro Devolución do Pazo encargou un informe a un equipo dirixido polo profesor Xabier Ferreira que abriu as portas legais á reclamación con argumentos que hoxe son recollidos na sentenza.

Outro fito fundamental no labor de investigación e divulgación do ‘roubo’ foi a publicación no 2017 por parte da fundación nacionalista Galiza Sempre do libro de Carlos Babío e Manuel Pérez titulado Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio. O libro explica detalladamente todas as artimañas para a obtención tanto do diñeiro para a compra como das propiedades de Meirás, así como a estratexia levada a cabo para rematar rexistrándoo a nome do ditador para evitar a devolución posterior trala súa morte. Un libro, por certo, cunha gran repercusión en moitas canles autonómicas e estatais (TV3, ET B, La Sexta, Tele 5...) pero que estivo totalmente vetado pola Televisión de Feijóo (nesa connivencia do PP co franquismo que comentaba ao comezo do artigo). Por certo, o libro valeulles aos autores unha demanda dos Franco.

Podemos parabenizarnos como sociedade polo logro que trae consigo esta sentenza que pode ser a primeira ficha do dominó que permita rescatar para o dominio público a Casa Cornide da Coruña ou as esculturas de Abraham e Isaac talladas polo Mestre Mateo (despois do fracasado percorrido xudicial destas últimas). Unha sentenza que debe de influír no proceso xudicial contra eses/as 19 de Meirás que dun xeito totalmente pacífico e simbólico ocuparon Meirás para visibilizar a problemática e que afrontan penas de ata 13 anos de prisión por cada un dos activistas e multas de ata medio millón de euros.

Meirás, un pouquiño máis preto
Comentarios