Opinión

Meirás: unha loita colectiva


O POBO galego é un pobo historicamente resistente e, ao contrario do tópico que comunmente nos colgan dende o exterior, un pobo loitador. Demostrámolo tralos vertidos do Prestige coa masiva e reivindicativa plataforma Nunca Máis e, máis recentemente, por mor do calote das participacións preferentes, con múltiples plataformas que ao longo e ancho do país xurdiron para defender ás persoas estafadas. Cunha mobilización sen precedentes, as persoas afectadas na Galiza foron as que máis cartos recuperaron de todo o Estado! Outra das loitas que estamos liderando dende Galiza é a recuperación do patrimonio roubado polo franquismo, poñendo fin a décadas de total impunidade por parte dun Estado que mantivo parcialmente as prebendas do anterior réxime no que deron en chamar “modélica transición”.

En ningún estado civilizado entenderían que un cruel ditador estivese enterrado nun mausoleo como o situado no Val dos Caídos, que o xefe de Estado (El Rey) acabara de asinar a carta de sucesión do ducado de Franco con grandeza de España a súa netísima (Carmen Martínez-Bordiú) ou que a súa familia aínda posúa propiedades roubadas ao pobo durante o seu mandato. Neste lote insírense predios como o Pazo de Meirás, en Sada, e a Casa Cornide, na Coruña, ou valiosísimas pezas artísticas como dúas estatuas do Pórtico da Gloria.

Con respecto ao pazo no que viviu a ilustre escritora e feminista Emilia Pardo Bazán estes últimos días vimos como o traballo colectivo anterior comeza a dar os seus froitos. Primeiro coa demanda do Goberno contra os Franco para a devolución do Pazo de Meirás por fraude na venta (máis dun ano despois!), despois o Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña admitía a trámite a demanda da Avogacía do Estado e adoptaba medidas cautelares para evitar a venta do pazo e por último viamos como a Xunta de Galiza acordaba presentarse como parte na causa xudicial.

E aínda que falabamos antes de éxito colectivo sería inxusto non citar nomes concretos de persoas e institucións. Nese grupo de agradecementos habería que mencionar a todo o movemento de recuperación da memoria histórica (moi especialmente ao da Coruña), aos investigadores galegos que documentaron o espolio como Carlos Babío Urqui ou Manuel Pérez Lorenzo (recomendable o libro “Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio”) e a Goretti Sanmartín, ex-vicepresidenta da Deputación da Coruña co BNG, que dende a institución provincial impulsou a Xunta Pro-devolución do Pazo (autora do informe xurídico clave na presentación da demanda). Pero a gratitude sería incompleta se ignoraramos ao grupo coñecido como “@s 19 de Meirás” que, coa toma simbólica do pazo hai preto de dous anos, puxeron o conflito no primeiro plano mediático e sobre os que aínda pesa a inadmisíbel ameaza de 247 anos de cadea e medio millón de euros de multa.

A do espolio franquista é outra loita máis iniciada polo nacionalismo galego baixo a mirada desconfiada e/ou inquisidora de certos partidos políticos e de sectores sociais e empresariais que non dubidarán en colgarse tamén medallas se ao fin se logra o obxectivo. Pero que máis dá quen saia na última foto, o importante é que Meirás sexa o primeiro paso para conseguir a devolución de todos os bens e rematar, por fin, cos privilexios e a impunidade que aínda ten o franquismo no Estado Español.