Opinión

Manolo Vila dá brillo ás medallas Castelao

NESTA colaboración semanal temos analizado o acerto da concesión das medallas Castelao a ilustres lucenses como o crego de Paradela Xesús Mato Mato ou a actriz corguesa Benedicta Sánchez. Hai tan só catro días que se entregaban os anteditos galardóns no pazo de congresos de Santiago e entre elas quixera destacar, como moi merecida, a do amigo Manolo Vila. Sei que mesturar a Feijóo co nome de tan ilustre galeguista é case un pecado e que ao longo destas 38 edicións o PP xogou coas medallas Castelao para distinguir a certas personalidades da mesma corda política como Carmen Fraga Estévez no 2014, Manuela López Besteiro no 2012 ou José Manuel Castelao Bragaña no 1999 (si, o da famosa frase de "Las leyes, como las mujeres, están para violarlas"). Por iso que cando un escéptico coma min ve nomes como o de Manuel Vila na listaxe de galardoados volve crer algo na validez das mesmas.

Estas medallas son outorgadas pola Xunta de Galiza a persoas ou institucións que desenvolveran unha obra artística, científica, cultural, literaria... que os fagan merecedores desta distinción. Creáronse en 1984 xa que foi o ano no que regresaron os restos mortais de Castelao a Galiza e entréganse todos os 28 de xuño porque foi ese o día concreto no que foi inhumado no Panteón de Galegos Ilustres (conmemorando a data na que fora aprobado en plebiscito o Estatuto de Autonomía do 36 que el impulsara e defendera). Ao contrario que outras distincións as medallas Castelao non poden concederse a título póstumo e levan gravada a famosa cruz que o artista galego deseñara para As cruces de pedra na Galiza.

Volvendo ao inicio, alédome de que o xurado deste ano fixase a vista en Manuel Vila. Este mestre xubilado nacido na Ponte de Outeiro (Castro de Rei) fraguaría a súa personalidade profesional na "escola Ponte" (tránsito para a escolarización en centros normalizados de Lugo) do Carqueixo dende os oitenta ata mediados da década dos noventa. Manolo cultivou a confianza das familias e converteuse no seu mellor aliado co fin de reclamar melloras nas súas condicións de vida. Este mestre veterano é consciente dende o primeiro intre de que só o coñecemento destruirá os prexuízos que nos impiden achegarnos a unha cultura tan rica como a do pobo xitano e iso levaríao a crear a Asociación Promoción e Integración Xitana de Lugo a mediados dos oitenta. Esas décadas de traballo incansábel (non rematarían coa súa xubilación) a prol da causa cristalizarían na concesión, en febreiro do ano pasado, dun dos cinco premios Solidariedad con G (individual) por parte da Fundación Secretariado Gitano.

Hoxe asociamos a Manolo con Muimenta, a vila que o acolleu en adopción dende finais da década dos setenta. Xeralmente é máis doado que os recoñecementos persoais veñan de fóra, antes que da casa. Por outra banda, moitas desas homenaxes adoitan chegar post mortem. O caso de Manolo é especial e indicativo do moi querido que é entre a xente que o rodea xa que no ano 2006 (momento da súa xubilación docente) descubriu unha placa de agradecemento no recinto feiral de Muimenta, que dende aquela leva o seu nome.

Esa homenaxe da súa veciñanza recibiríaa por ser un bo home, unha persoa humilde e implicada que fai piña alí onde está. El sería un dos fundadores da Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, no 1983, pero o seu activismo levaríao a facer o mesmo coa SD Muimenta, a poñer a andar a Moexmu, Xotramu e un longo etc. A proposta de bautizar o recinto feiral co seu nome foi levada a pleno polos seus veciños e veciñas como un acto de agradecemento pola súa implicación, tamén, na consecución de infraestruturas de todo tipo que melloraron, e moito, a calidade de vida da xente da vila e de toda a súa área de influencia. Que ben nos faría un Manolo Vila en cada localidade da Galiza rural