Opinión

Literatura galega de parabéns

O infausto ano 2020 non o é tanto para as nosas letras, especialmente para a poesía. Os premios nacionais (estatais, como apuntaba Marica Campo no artigo do venres pasado) de literatura deixáronnos este ano dúas premiadas galegas, a lucense Olga Novo no Nacional de Poesía e a ourensá Alba Cid no premio Poesía Joven Miguel Hernández. Os premios nacionais de literatura, concedidos polo Ministerio de Cultura, outórganse nos diferentes ámbitos das letras a obras publicadas no estado en calquera dos idiomas oficiais, sendo as nosas letras moi frutíferas sobre todo na poesía e na literatura infantil e xuvenil.

Olga Novo naceu en Vilarmao, A Pobra do Brollón, no 1975. É profesora de ensino secundario na especialidade de Lingua Galega e Literatura e escritora temperá. Na súa poesía pódense observar pegadas do surrealismo, mesturadas coa súa orixe labrega (sen caer no costumismo), a carón dunha temática tamén recorrente, o erotismo. Ten varios libros publicados, A teta sobre o sol, Nós nus, A cousa vermella, Cráter ou o Feliz idade, co que gañou o premio nacional. Olga tamén é ensaísta e atesoura diversos premios e recoñecementos (premio Losada Dieguez, premio de investigación Ánxel Fole...).

Alba Cid naceu en Ourense no 1989. Estudou Filoloxía Galega na USC, onde faría a súa tese de doutoramento e onde comezaría a exercer a súa docencia. A Alba coñecina na cidade das Burgas co gallo da entrega do premio Ourense de Contos para a Mocidade 2006. Os dous tiveramos un accésit (ela o de menor de 18 anos) nunha edición que gañara Francisco Castiñeira Romar co relato Inventario de nubes. O ano seguinte volveramos coincidir, os dous tamén cun accésit (superando ela xa a maioría de idade) con Xerardo Neira como gañador co seu O asegurador de ovnis. Ela cunha carreira prometedora por diante remataría por gañalo no 2010 xunto cun ronsel de innumerábeis premios que rematarían coa guinda deste ano.

Mentres Olga Novo recolle a testemuña de Pilar Pallarés (gañadora do mesmo galardón no 2019 polo poemario Tempo fósil) e de Manuel Álvarez Torneiro (gañador no 2013 co libro Os ángulos da brasa), Alba Cid faino de Gonzalo Hermo (gañador no 2015 co poemario Celebración). Non tivemos tanta sorte cos premios de narrativa, no que o último premido en lingua galega foi Suso de Toro con Trece badaladas (2003) ou cos de literatura dramática, que nos temos que remontar ao 2007 grazas ao amigo Rubén Ruibal con Limpeza de sangue.

Pero como indicabamos ao comezo, se hai un campo onde a literatura galega é especialmente florecente dende hai décadas este, sen dúbida, é o da literatura infantil e xuvenil. Abriu camiño Paco Martín co Das cousas de Ramón Lamote hai preto de 35 anos e dende aquela seguíronlle Xabier P. Docampo e Fina Casalderrey (1995 e 1996, respectivamente) ou xa no século actual Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas e Antonio García Teijeiro, o último en recibir o premio nacional nesta categoría co seu Poemar o mar en 2017.

Pero tampouco podemos esquecer o ensaio, onde tres galegos destacaron nos últimos anos con textos sobre o nacionalismo: Justo Beramendi (nacionalismo galego) e Xosé Manuel Núñez Seixas (nacionalismo español), ou sobre Rosalía de Castro: María Xesús Lama. Galiza é polo tanto unha nación literaria e o galego unha lingua tan válida coma o castelán e o inglés, non só no ámbito literario, senón tamén nos ámbitos técnico e científico, que son as nosas grandes eivas e nas que o decreto do plurilingüismo fai especialmente dano.

Comentarios