domingo. 01.08.2021 |
El tiempo
domingo. 01.08.2021
El tiempo

Líderes políticos sacados dun cómic de Ibáñez

Está claro que no remate da crise sanitaria derivada do Covid-19 a cidadanía debería de facer unha profunda reflexión sobre os seus líderes políticos. Unha análise demorada e crítica da actuación dos distintos xestores en todos os niveis da administración dende a local ata a estatal, porque moitos deles están a demostrar que non están á altura das circunstancias vividas e da responsabilidade e serenidade que estes tempos requiren.

Comezando a análise no plano internacional, centrarémonos en tres países que son referencia a nivel económico e xeoestratéxico como son os EE.UU., Brasil ou o Reino Unido. De Trump, penso que xa pouco nos pode sorprender (quitando a eterna sorpresa de que siga sendo o presidente dos EE.UU.). A sete meses das eleccións e cos rivais políticos desaparecidos, decidiu reforzar o seu liderado político con roldas de prensa diarias sobre a pandemia en plan mitin electoral. O resultado foi o agardado, deixarlle a Donald un micrófono e como darlle a un chimpancé unha metralleta cargada! A xestión da pandemia nos Estados Unidos (fóra das pallasadas do seu presidente de recomendar inxeccións de desinfectante para matar ao virus) está sendo penosa. A reacción foi tardía e laxa para non molestar aos mercados; o resultado: é o pais con máis mortes polo coronavirus no mundo (arredor de 85.000 persoas). A maiores da xestión interna da pandemia, Trump ameaza con dinamitar as febles relacións diplomáticas internacionais con acusacións infundadas a China, o país que con esta pandemia demostrou ser o substituto natural dos EE.UU. no liderado económico mundial.

Outro dos presidentes que pensa máis no interese económico dunha minoría que na saúde da súa poboación é Jair Bolsonaro. Brasil superou os 13.000 falecidos e situouse no sexto país do mundo en número de mortes. O xigante suramericano será toda unha bomba nas vindeiras semanas por culpa dun presidente que sigue denominando «neurose» á pandemia. Algo semellante pensaba Boris Johnson ata que contraeu a enfermidade. Este fito mudou sen dúbida a percepción que dende as illas tiñan da terríbel pandemia, aínda que as ganas de volver á normalidade pode estoupar nun rebrote virulento sen precedentes (iniciar un proceso de desescalada con 500 falecidos diarios semella cando menos unha toleada).

Centrando a visión nos líderes autonómicos ou do Goberno central tamén podemos atopar a típica fauna dos cómic de Ibáñez. Dende un presidente do Goberno ao que lle encantan as cámaras de televisión e que vai modulando as medidas dos técnicos segundo avance o cabreo social a través das redes sociais (aclarémonos, as medidas tómanas os técnicos ou elixímolas os cidadáns a través de Facebook ou Twitter?), a unha presidenta de Madrid que, fóra da recente polémica polo aparthotel no que vive e de varias decisións controvertidas nestas intensas semanas, insiste de xeito obcecado en demostrar que Madrid está preparada para pasar á fase 1 (ben podía copiar algo da sensatez catalana). De feito, a miña confianza no baremo ou nos criterios técnicos virase abaixo se hoxe á noite nos confirman ese cambio de fase.

E xa na Galiza, volvemos ter outro presidente namorado das cámaras. Un Feixóo que compareceu ducias de veces na TVG pero ten medo a facelo no Parlamento de Galiza. Un presidente que, igual que Pedro Sánchez, informa aos líderes da oposición por televisión (esta semana fíxoo co tema das eleccións cando prometeu consensuar a data con eles) e non cunha chamada de teléfono. Feixóo está máis preocupado polos resultados electorais que por gobernar Galiza. En educación temos un bo exemplo: unha consellaría que sigue calada agardando a que o ministerio lle diga o que ten que facer coas súas competencias. Mentres, a comunidade educativa segue sen saber se os rapaces e rapazas volverán ou non aos centros de ensino este curso e en que condicións o farán.

Líderes políticos sacados dun cómic de Ibáñez
Comentarios