viernes. 07.05.2021 |
El tiempo
viernes. 07.05.2021
El tiempo

Lei Ángeles Alvariño

Durante toda a miña formación académica ningún profesor ou profesora me explicou que en Galiza houbera unha científica que acadara tantos recoñecementos a nivel internacional como foi a oceanógrafa ferrolá María Ángeles Alvariño. Certo é que naquela época os/as científicos/as galegos/as non estaban nas aulas das materias de ciencias do mesmo xeito que as mulleres permaneceran silenciadas durante séculos (agás Marie Curie). Aínda hoxe se fai pouco fincapé no ensino secundario por recuperar científicos galegos e galegas cando a mocidade está falta de talentos próximos, aspecto que como dixemos antes se agrava nas rapazas e explica a pouca presenza feminina en certas titulacións. Galiza é moito máis que o berce de talentosos/as escritores/as; circunscribila a iso é cercenar a proxección de moitos outros talentos que coma Ángeles tiveron que emigrar para desenvolver a súa carreira investigadora no estranxeiro ou nos distintos centros de investigación galegos.

Polo que Ángeles Alvariño, por un ou outro motivo, pasaría a estar ignorada ata hai máis de dúas décadas (pouco antes da súa morte) cando esta ferrolá de Serantes, nada no 1916, abriu numerosos camiños á presenza da muller no ámbito da investigación científica e máis en concreto no da oceanografía biolóxica. A súa carreira investigadora levaríaa a Vigo, a Madrid, Reino Unido e Estados Unidos, onde acadaría a cidadanía en 1966 e onde morrería no 2005. Ángeles publicaría cen traballos científicos nas máis prestixiosas revistas de todo o mundo, varias recoñecidas monografías e descubriría vinte e dúas especies novas (doce quetognatos, nove sifonóforos e unha medusa). Como premio á súa carreira investigadora hai dúas especies que levan o seu nome, o quetognato Aidanosagitta alvarinoae e a hidromedusa Lizzia alvarinoae.

O que non soubo Ángeles é que 16 anos despois da súa morte se tramitaría unha lei no Parlamento de Galiza para introducir na lexislación galega mecanismos correctores para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito da investigación científica, alcumada como Lei Ángeles Alvariño. O texto promovido polo BNG e defendido no Parlamento pola lucense Olalla Rodil foi aprobado por unanimidade esta semana e comeza agora o seu trámite parlamentario. O documento naceu como froito dun encontro entre a fronte nacionalista e a Rede Galega pola Investigación (InvestiGal) e trata de evitar que as mulleres teñan que elixir entre ser nais ou proseguir coa súa carreira científica.

Esta lei trata de seguir rompendo teitos de cristal que en pleno século XXI ameazan ás mulleres con limitacións en distintos campos. A propia Valedora do Pobo instaba á Xunta de Galiza a arbitrar as medidas necesarias para equiparar ao persoal investigador que teña permisos de maternidade/paternidade co resto dos seus compañeiros garantindo unha total igualdade de oportunidades nas condicións contractuais. A esta conclusión chegou trala queixa presentada por tres investigadoras posdoutorais trala discriminación padecida no proceso de avaliación do seu rendemento investigador por gozar de permisos de maternidade. Porque ser muller non pode ser premisa para truncar unha carreira na investigación científica. É denigrante seguir vendo como preto do cincuenta por cento dos abandonos das carreiras investigadoras a tempo completo se producen tralo nacemento do primeiro fillo, como só o 21% das cátedras nas universidades públicas estatais están ocupadas por mulleres ou como apenas o 27% do estudantado matriculado en carreiras STEM teñen identidade feminina.

Levei unha ledicia cando descubrín que a pastoricense Sonia Villapol (Bretoña, 1977), que está desenvolvendo a súa carreira investigadora tamén nos Estados Unidos (no Houston Methodist Research Institute), fora nominada para ser candidata ás 10 Mulleres Líderes Top10 – Exterior. Pese a chegar onde chegou, Sonia segue exercendo de galega e mantendo uns estreitos lazos co territorio que a viu nacer. Parabéns a Sonia e ogallá sexa exemplo para moitas outras rapazas con vocación científica.

Lei Ángeles Alvariño
Comentarios