Opinión

Lección de soberanía popular en Bolivia

O DOMINGO, 18 de outubro, celebráronse en Bolivia as segundas eleccións xerais en apenas un ano. Había medo a que os conflitos que anegaran as rúas da Paz en outubro do ano pasado estalaran nunha xornada electoral tan importante neste estado plurinacional e multiétnico, que mantén 36 linguas indíxenas. Eran precisos uns resultados incontestábeis para non resucitar as pantasmas do pasado recente tendo en conta a gran desconfianza xerada nos dous grandes bloques. A xornada foi avanzando nesa tensa calma dos grandes momentos e os resultados finais foron toda unha sorpresa pola contundencia coa que falou o pobo boliviano que levou ao MAS, o partido de Evo Morales, a gañar cunha porcentaxe superior ao 50%, con máis de 20 puntos de distancia sobre o seu rival máis próximo, o partido do centrista Carlos Mesa.

Os resultados desta semana demostráronlle ao mundo que o lexítimo gañador das anteriores eleccións de 2019 fora de novo o Mas, daquela con Evo Morales á cabeza. A oposición, non asumindo a derrota electoral, fixo de Bolivia todo un polvorín dende o 20 de outubro ata o 10 de novembro, acusando de fraude ao gañador. Nese intre as forzas armadas interviñeron para forzar a renuncia e a marcha do lexítimo presidente de Bolivia, Evo Morales, no que se pode considerar claramente un golpe de Estado, que sen dúbida contou con colaboración de terceiros países (EE.UU. xa nos ten acostumado a manobras desestabilizadoras en aqueles países nos que pode ter intereses enerxéticos ou mineiros —guerra do litio—).

A dirixente opositora Jeanine Áñez autoproclamouse presidenta de Bolivia para pilotar un ano de transición de cara aos comicios da pasada fin de semana, nun contexto claramente intervido e militarizado. Pero toda a violencia vertida e a represión sobre a poboación non serviu máis que para reafirmar a vontade inicial e as ganas de soberanía do pobo boliviano. Agora Bolivia non será dirixida nin por Evo Morales, nin por García Linera (o seu vicepresidente), que seguen exiliados en Arxentina, senón polo tándem Luis Arce, exministro de economía de Evo, e o indíxena David Choquehuanca.

Arce centrou a campaña en reactivar unha mermada economía e loitar polos avances sociais acadados nos case 14 anos de Morales. No seu haber está a xestión da economía boliviana que chegou a rexistrar taxas de crecemento do 5%, reducindo a pobreza á metade, cunha forte aposta polos investimentos públicos e a nacionalización das principais empresas (vaia, a receita económica que o nacionalismo galego está pedindo para superar a crise do aluminio da Mariña). Por suposto Arce volveu a contar co apoio dos movementos labregos e obreiros de Bolivia que non fixeron máis que reforzar a súa resiliencia neste ano de goberno forzado e interino.

O que está claro é que o trunfo do Mas terá unha repercusión máis aló das fronteiras bolivianas repercutindo nos equilibrios xeopolíticos en Sudamérica. O simbolismo da vitoria de Arce é todo un balón de osíxeno para a esquerda latinoamericana que se quere confrontar co perigoso eixe conservador formado por Jair Bolsonaro no Brasil e Iván Duque en Colombia. Tamén é unha xerra de auga fría para os opositores venezolanos que viron no golpe de estado boliviano a folla de ruta para inspirar unha transición na República Bolivariana. As palabras de Juan Guaidó en conversa con Jeanine Áñez "su ejemplo no es una brisita, es un huracán de democracia para liberar a Venezuela, pero también a Nicaragua y a Cuba", vense hoxe totalmente desdebuxadas froito da contundencia das urnas o domingo pasado.

Comentarios