Opinión

‘IntraGUERRAS’

CANDO asociamos a parella de palabras muller e guerra as imaxes que se nos veñen á cabeza son as de piares familiares que, con nenos/as e maiores ao lombo, sobreviven nos lugares de conflito ou se desprazan a outros países, percorrendo miles de quilómetros como refuxiadas. Outra das visións máis crúas deste binomio inclúe o corpo da muller como un campo de batalla máis no conflito. Ao longo da historia, as mulleres (inclúo ás nenas nesta definición) foron torturadas e violadas de xeito sistemático co fin de debilitar e humillar o outro bando, sendo ordes directas de mandos militares como parte da noxenta estratexia bélica. Este papel de muller vítima, o maioritario, contrasta con imaxes mentais de mulleres guerrilleiras (a icónica fotografía de Hans Gutmann dunha Marina Ginestà desafiante, fusil en man, na Guerra Civil, ou a imaxe das guerrilleiras kurdas, entre outras) ou dun papel da muller máis actual como construtora de paz nos conflitos.

En abril de 2019, a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra (imparte formación en materia de igualdade preferentemente ao persoal técnico da administración local) celebrou unha xornada baixo o título de Muller e poder no castelo de Soutomaior. Houbo un relatorio que me chamou a atención (pódese visualizar de xeito gratuíto en internet), Mulleres e guerra: redes invisibles de poder, da relatora Berta Fernández Rosón, graduada en Dereito e Economía e consultora legal en materia de Dereito de Asilo e Refuxio en Stop Mare Mortum.

Berta Fernández, nun brillante relatorio, é capaz de romper estereotipos para evitar que todas as miradas recaian no papel de vítimas das mulleres ou no de activas como guerrilleiras e construtoras de paz. A investigadora presenta outro grupo de mulleres activas que aproveitando as guerras se empoderan ocupando roles tradicionalmente masculinos e que son capaces de tecer entre elas redes comunitarias sumamente poderosas (en espazos formais pero tamén en informais) exemplarizando a achega con distintos conflitos bélicos: Somalia, Chad, Palestina, Uganda ou Serra Leoa. Pero dende hai uns meses, se penso en mulleres e guerra só me vén a cabeza o fermoso poemario de Beatriz Dourado chamado IntraGUERRAS. Este pequeno libriño publicado por Urutau sintetiza moi ben o papel das mulleres nos conflitos bélicos, que elas nunca provocan, e tece paralelismos coas guerras diarias das mulleres en momentos formalmente de paz, porque a metade da poboación mundial está obrigada a loitar cada vez que se ergue da cama neste mundo machista e patriarcal.

Nesta nova etapa que estamos a vivir, na que unha boa parte da poboación confunde a loita pola igualdade con ideoloxía de xénero, traballos como IntraGUERRAS son imprescindíbeis. Un libro do que aconsello varias lecturas porque en cada unha delas atoparedes un matiz diferente, no que antes non repararades. Beatriz López Dourado (nome real) é unha mestra nada en Barcelona (filla e neta de emigrantes galegos). Como escritora ten recibido numerosos premios: Vilariñas de Guitiriz, Os Viadutos de Redondela, Contos de Verán deste mesmo xornal, María Mariño, Avelino Díaz ou o Terras de Chamoso (neste último, anos despois remataría por axudarnos como membro do xurado, polo cal estamos moi agradecidos).

Moitas grazas Beatriz por esta xoia prologada pola grande Luz Darriba. Un texto breve, cheo de mulleres que sofren, que loitan e que unidas miran o futuro con esperanza. Un poemario que brinca no tempo e no espazo de guerra en guerra (Malvinas, Vietnam, Guerra Civil, Guerra Fría ou Afganistán) para ver sempre as mesmas miserias do ser humano.

Comentarios