Opinión

Os ilustres lapis de Quiroga

O xornal El Progreso do luns sorprendeume ver a imaxe da Casa de cultura de Quiroga adobiada con enormes lapis con nomes de escritores e escritoras vencellados a Quiroga froito dunha iniciativa de Quiroga en Marcha e que tivo como obxectivo, tamén, o albergue municipal. Os lapis son obra do artista salmantino Felipe Piñuela e os seis escritores/as elixidos foron: Ánxel Fole, Ernesto Guerra da Cal, Luz Pozo Garza, Eduardo Moreiras e as irmás Dora e Pura Vázquez con distinta vinculación ao concello de Quiroga. Sen dúbida unha magnífica elección e un fermoso xeito de sacar a cultura á rúa e de mellorar a estética das nosas zonas urbanas, froito moitas veces do desleixo das administracións locais durante décadas.

A asociación Quiroga en Marcha puxo a andar outras iniciativas para mellorar a estética da vila de Quiroga como foron a realización de tres murais: o retrato de Erundina, unha superavoa que loce un fermoso acio de uvas na man; unha alvariza e un oso, que homenaxea a un dos produtos estrela do val; e un convite a bicarnos, cando a situación epidemiolóxica o permita (imaxes que se poden ver no Facebook da asociación). Unha aposta clara por poñer en valor os nosos recunchos urbanos, tan deteriorados polo feísmo do ladrillo á vista e a pouca preocupación polos espazos visuais que son de todos e todas.

E despois das felicitacións gustaríame facer un par de suxestións, en canto a nomes, para futuras actuacións relacionadas co mundo da cultura. A primeira é o historiador e escritor Xosé Estévez Rodríguez. Pepe naceu en Quiroga en 1943 e foi un "crego atípico" e moi querido na Fonsagrada (como puiden comprobar persoalmente na presentación do libro Un crego atípico na Fonsagrada 1967-69). Posteriormente secularizouse e doutorouse en Historia pola Universidade de Deusto (1990). O amor levouno a instalarse en Oiartzun (Euskal Herria) pero sempre que pode escapa para a súa casa de Quiroga. Escribiu numerosos ensaios en galego, castelán e éuscaro e hoxe pode considerarse o máximo coñecedor do Galeuzca.

Para min Quiroga é Xosé Estévez e Pepe é a viva representación de Quiroga. Hai uns meses, en plena pandemia Pepe envioume as dúas últimas monografías, nas cales estaba O val de Quiroga e Galiza: na saudade do corazón, editada precisamente no mes da pandemia (marzo de 2020). A presenza do covid-19 seguramente fixo que o libro non transcendera como era merecido pero é unha monumental obra para coñecer unha das máis fermosas zonas de Galiza, o paraíso emocional do noso historiador.

A segunda suxestión ten que ver coa primeira e trátase de Manuel María. O escritor de Outeiro de Rei tivo unha moi fonda relación con Xosé Estévez ao igual que a tivo co val de Quiroga. A avoa materna de Manuel María, Consuelo Casanova Neira, era natural do Hospital e a ela lle dedicou o quinto poema dos Sonetos ao val de Quiroga (ademais de ser protagonista doutros moitos poemas). As orixes familiares e a amizade con Xosé serían dous puntais nunha relación co vizoso val que é difícil de condensar en tan pouco espazo pero pode resumirse coa distinción que lle dedicou a Irmandade de Fillos e Amigos de Quiroga co gallo da IX Feira do Viño nomeándoo Amigo de Quiroga.

Remato pois felicitando de novo a Quiroga en Marcha polas súas iniciativas agardando que recolla estas humildes achegas para futuras actuacións e que outras entidades galegas aposten decididamente por sacar a nosa cultura á rúa.

Comentarios