Opinión

Iceberg Avelino Díaz

Un 14 de novembro de hai 123 anos nacía no lugar da Travesa en Santa Comba de Órrea (Riotorto) Avelino Díaz. O persoeiro que dá nome ao centro de ensino de infantil e primaria de Meira é dende logo todo un exemplo para a mocidade actual polo seu afán de aprender e mellorar como persoa, por situar o ben común diante dos beneficios persoais, por loitar polos desfavorecidos e os labregos e pola liberación dunha matria, a galega, que non lle deu a oportunidade de desenvolver todo o seu potencial activista e creador no seu seo, nin poder acubillar os seus restos mortais. Un nacionalista que xunto con Castelao e moitos outros loitou dende a diáspora para que as novas xeracións puidésemos ser libres e galegos no noso berce. 

Aínda que queda moito por coñecer da vida e obra de Avelino hai que dicir que nas últimas dúas décadas fíxose un traballo inconmensurábel por dar a coñecer a súa figura. A publicación no 2002 do libro Avelino Díaz: Unha voz comprometida na Galicia emigrante de Marivel Freire Freire (Brigadas en Defensa do Patrimonio Chairego) achegou un montón de documentación inédita sobre o poeta de Órrea. Dende aquela houbo varios investigadores que foron debullando aspectos pouco coñecidos de Avelino en monografías, artigos xornalísticos, de investigación, etc. Outro fito importante na divulgación literaria e biográfica foi a constitución da asociación cultural Avelino Díaz, que acolle a socios individuais e a colectivos (institucións, centros de ensino, asociacións culturais, de veciños, Anpas, bibliotecas...) que demostran que a causa conta cun apoio unánime da sociedade meirega (como comarca). 

Avelino non tivo oportunidade de estudar de neno así que toda a súa bagaxe cultural foi adquirida pola súa conta con moito esforzo

Avelino foi fillo de nai solteira. As distintas biografías atribúen a súa paternidade a Manuel María García Castro, poeta e home estudado, de onde puido herdar Avelino ese interese pola poesía. A súa nai serviu na súa casa ata quedar embarazada con 22 anos. As penurias económicas acompañárono na infancia e case podemos dicir que en boa parte da súa vida. Aos dez anos trasládase coa súa nai a Meira e dous anos máis tarde emigrará a Bos Aires acompañado dun familiar. Pasados seis anos regresa a Meira e exerce de mestre de ferrado tendo que acudir ás segas de Castela, como moitos outros veciños, para subsanar as necesidades económicas da familia. Con 22 anos Avelino volve a América, primeiro a Cuba e finalmente a Arxentina onde asentaría e crearía unha familia cunha moza navarra emigrante. 

Avelino non tivo oportunidade de estudar de neno así que toda a súa bagaxe cultural foi adquirida pola súa conta con moito esforzo. En Bos Aires xuntaríase coa intelectualidade emigrada da época e marcaríano dende un punto de vista literario e político sendo un prolífico activista. A súa obra inclúe unha ampla produción xornalística e poética. Estímase que escribiu 1.178 poemas, dos cales 851 permanecen inéditos ou sen localizar. Avelino deixou publicadas en vida tres obras: Debezos e Pallaregas en galego e Flor de retama en castelán. 

A asociación que leva o seu nome loita dende hai anos para que a RAG declare un ano das letras galegas para o autor de Riotorto- Meira. O devandito percorrido deitou polo camiño moita luz sobre Avelino pero esa declaración permitiría abordar unha investigación intensa do que para min é todo un iceberg do pouco que coñecemos do poeta do Miño. 

Remato coa última estrofa dun fermoso poema que Avelino escribe en 1963 en Bos Aires titulado Neniño labrego e que non só describe a súa dura nenez senón a de case todos os nosos antepasados labregos asoballados por un réxime caciquil que apertaba rexo pero co tino suficiente de non afogar: "Polos zocos pesantes que che firen os pés, / pola murcha neneza i esa dor que refrexas, / polos fondos degoros de agarimo que tes... / ¡anxeliño labrego, benzoado ti sexas!".

Comentarios