Opinión

Hortas, a Ítaca de Manuel María

CANDO ESTAMOS a piques de rematar este infausto 2020 no que o sector cultural foi un dos grandes afectados pola crise do covid-19 aleda ver como pequenas institucións espalladas polo país seguen animando e apostando pola cultura galega en espazos e con aforos adaptados ás circunstancias do momento. Ese é o caso da Casa-Museo Manuel María, situada a carón da Casa do Concello de Outeiro de Rei, que organiza concertos, actuacións teatrais, presentacións, proxeccións...; o último deles na pasada ponte.

"A casa erguida con xisto e cantería, por obra dos avós, era fermosa. Aí está: forte, firme, fachendosa, chea de beleza, prestancia e harmonía".

Os versos, pertencentes ao libro Sonetos á casa de Hortas, serven de benvida na páxina web da fundación Manuel María de Estudos Galegos (verdadeira artífice deste proxecto) e son representativos do que calquera visitante pode atopar unha vez se achega ata Outeiro. A Casa de Hortas é unha casa boa de labranza que se pode considerar prototipo das casas da Terra Chá. Alí o visitante coñecerá un dos xigantes da cultura galega (creador e posuidor dunha inxente cantidade de libros e obras de arte), pero tamén recibirá unha lección da arquitectura máis tradicional da comarca chairega, froito dun coidadoso proxecto de restauración que foi capaz de eliminar engadidos posteriores e adaptar a construción orixinal aos novos cometidos.

Este complexo cultural foi inaugurado o 7 de setembro de 2013 (o día previo a cumprirse o noveno cabodano do seu pasamento) nun acto cunha bestial afluencia de público. Abría aos galegos e galegas un espazo para mellor coñecer a Manuel María pero tamén para estudar a cultura galega grazas ao extenso fondo documental, bibliográfico e artístico que atesouraron el e Saleta Goi, a súa fiel compañeira de viaxe e protagonista de parte da súa obra literaria.

A biblioteca conta con 12.000 volumes centrados en Galiza e que abranguen temporalmente dende a posguerra ata a actualidade. Outro dos tesouros da casa é o fondo documental, no cal se segue traballando para a súa completa catalogación, e que contén dende correspondencia ata documentos relacionados coa súa vida profesional e de animador cultural. Pero o que a maior parte dos visitantes vai percibir é a fantástica colección de obras de arte (Castelao, Maside, Laxeiro, Seoane...), as diferentes coleccións de obxectos particulares do Manuel e a grande obra literaria que nos deixou en herdo.

A nivel individual as instalacións poden ser visitadas os festivos e as fins de semana. Os centros educativos e entidades poden concertar visita calquera outro día e dende alí ábrese un amplo abano de posibilidades para completar unha fermosa xornada cultural. Dende quedarse en Outeiro e completar a visita a Santa Isabel, o centro histórico de Outeiro de Rei, Penas de Rodas, Olaría de Bonxe..., ata ampliar a visita pola Terra Chá: lagoa de Cospeito, Vilalba, Castro de Viladonga... ou achegarse ata a cidade amurallada, tan fulcral na etapa formativa do Manuel e nos inicios da idade adulta.

Pero como diciamos ao comezo do artigo, a Casa de Hortas non é o típico espazo para visitar unha vez na vida e xa está. A grande cantidade de actos culturais que alí se desenvolven ao longo do ano convértena nun espazo de frecuente visita e un luxo para a veciñanza de Outeiro de Rei por contar cun espazo museístico e cultural de tal valía no corazón do concello. Para elo conta cunha fermosa palleira reconvertida en auditorio con capacidade para 100 persoas.

A casa é capaz de responder a pregunta lanzada polo Manuel nuns versos, do mesmo libro:

"Nesta casa eu nacín, amei, sufrín... A súa memoria, firme e perdurábel, que lembranza conservará de min?".

Comentarios