Opinión

Gallardón e o timo das taxas

LEMBRO como hai máis de quince anos persoas de centroesquerda falaban de Alberto Ruíz-Gallardón coma un político exemplar, preparado e moderno; un político que destacaba entre os cavernícolas Aznar, Aguirre, Cascos... nas filas dun PP gris-gaivota. É bastante evidente que a distancia á capital do imperio, a ignorancia e a efectividade dos medios de comunicación madrileños venderon unha imaxe que non se correspondería coas futuras accións desenvolvidas por Gallardón no breve, pero infausto, período no que exerceu de ministro de xustiza. Caeu polo seu propio peso despois de meterse en leas nas que ninguén o chamou, ou si, xa que estaba abeirado polo programa electoral neoliberal e casposo dun PP que gobernaba cunha maioría absoluta incontestábel.

Hai que recoñecerlle a Mariano Rajoy a brillante capacidade de nomear a ministros mediocres para que non o eclipsen, ao estilo do seu colega e veciño coa elección dos conselleiros galegos. Iso si, no anterior mandato a escolla de ministros foi tan desastrosa que a gadaña tivo que funcionar antes de tempo. Lembremos a Arias Cañete, Gallardón, Ana Mato, José Ignacio Wert ou máis recentemente José Manuel Soria. Mentres que a corrupción e os papeis de Panamá salpican de cheo a tres deles, os outros dous destacaron por lexislar de xeito moi lesivo para a cidadanía en ámbitos tan importantes como a xustiza ou a educación.

Gallardón será lembrado como o ministro que quixo retrotraernos ao 1985, cando as mulleres tiñan que alegar motivos para xustificar a decisión de abortar, o que intentou reformular a planta xudicial eliminando a maior parte dos partidos xudiciais galegos e centralizando todo nas capitais provinciais, o dos controvertidos indultos e o que rescatou unhas taxas xudiciais «para alixeirar» unha saturada administración de xustiza.

O 1 de marzo de 2013 publicaba no Progreso un artigo titulado «Taxas non. Xustiza para todos», no que analizaba a implantación, tardía, da Lei 10/2012. Desta vez a normativa retrotraíanos ao 1958 cando foron impostas as taxas xudiciais, que serían suprimidas en 1986 en aras de facilitar o acceso á xustiza e evitar corruptelas. No BNG rexeitamos dende un principio unha lei deseñada claramente cun afán recadador, en plena crise económica, que restrinxía o acceso á tutela xudicial efectiva, provocando indefensión ao impedir que todos sexamos iguais ante a lei.

Saudamos pois con ledicia a unánime decisión do Tribunal Constitucional de anular as taxas xudiciais impostas ás persoas xurídicas por desproporcionadas e porque segundo o alto tribunal “podían producir un efecto disuasorio nos cidadáns á hora de acudir aos tribunais de xustiza”. Tendo en conta que o goberno declina devolverlles aos afectados as taxas cobradas durante todos estes anos, queda por dilucidar onde están os máis de 500 millóns de euros recadados ata o de agora. O propio ministro dixera que se ían investir en xustiza mais agora nin as asociacións xudiciais nin o propio ministerio saben a onde foron parar eses cartos.

Comentarios