Opinión

Galiza: potencia olímpica internacional

NON PUIDERON lucir a bandeira galega inmediatamente tralos seus éxitos, nin escoitar o himno de Pondal mentres recibían o prezado galardón pero o sangue galego percorreu as instalacións deportivas niponas impoñéndose a outras potencias internacionais. Enviamos vinte e un deportistas (a delegación máis numerosa da historia) e tan só cinco deles volveron coas mans baleiras. O resto regresaron cos maiores éxitos deportivos olímpicos da historia de Galiza. Tres pratas a catro deportistas: Teresa Portela (K1 200), Rodrigo Germade e Carlos Arévalo (K4 500) e Iván Villar (fútbol); tres bronces: Ana Peleteiro (tripe salto), Rodrigo Corrales (balonmán) e Nico Rodríguez (vela); nove diplomas: Adrián Ben, Antía Jácome, Caetano Horta... 

Con estas medallas Galiza ocuparía o 68º lugar no podio internacional, por diante de países como Arxentina, México, Colombia ou Arabia Saudí. Palmarés co que superamos con nota o número de metais de outras edicións: catro en Pequín 2008 e Londres 2012, tres en Atenas 2004 ou as dúas nos Ánxeles 1984.

Hai precisamente 101 anos, nos xogos olímpicos de Amberes 1920, tres deportistas galegos regresaban cunha medalla de prata en fútbol (ao igual que Iván Villar), converténdose nos primeiros. Foron Ramón González, Luís Otero (Otero) e Ramón Gil (Moncho). O trío galego competiu a carón de históricos como o catalán Ricardo Zamora Martínez na portería ou o famoso dianteiro vasco Rafael Moreno Aranzadi (Pichichi). A Furia, como así lle chamaban ao combinado, foi eliminada polos anfitrións (Bélxica) por 3-1 que acadaría finalmente o ouro olímpico.

Galiza obtivo, coas medallas desta edición, vinte e dous metais olímpicos sendo Cangas a capital olímpica galega con dez galardóns. Cinco deles xa os atesoura o mítico David Cal (un ouro e catro pratas en piragüismo en augas tranquilas), que nesta ocasión regresou coas mans baleiras, ao que hai que engadir o ouro de Carlos Pérez Rial, Perucho, en K2 500 (Pequín 2008) e as catro conseguidas nesta edición (Teresa Portela, Rodrigo Germade, Rodrigo Corrales e Iván Villar).

Como afeccionado ao atletismo que son, aínda estou vibrando cos éxitos deportivos de Ana Peleteiro e de Adrián Ben. A de Ribeira acadou un meritorio bronce en triplo salto sendo superada pola venezolana Yulimar Rojas (récord mundial) e a portuguesa Patricia Mamona. Eran os seus primeiros xogos pero a súa impecábel traxectoria augura moitos éxitos máis. Admíroa pola súa perseverancia, a claridade de ideas, a humildade e o orgullosa que está do seu idioma e das súas raíces.

En canto ao viveirense, dicir que nos tivo co corazón nun puño nos 800 metros celebrados o catro de agosto. O seu quinto posto nunha das disciplinas olímpicas máis agardadas sábenos a ouro e, sen dúbida algunha, prognostica un futuro olímpico moi prometedor. Atrás quedan os seus inicios no colexio Santa Rita de Galdo e o seu crucial paso polo Lucus, club ao que pertenceu entre os 14 e os 18 anos, etapas fundamentais para alicerzar as bases do futuro medallista olímpico.

Rematan pois os xogos olímpicos máis atípicos da historia. Uns xogos retrasados como consecuencia desta longa pandemia e que baleirou de público os estadios olímpicos. Sería ese silencio nas gradas o que permitiu aos/ás nosos/as deportistas sentir os ánimos dos seareiros/as galegos/as concentrados nas súas vilas natais ou dispersos tralas múltiples pantallas de televisión. Sexa como for, a galeguidade séntese hoxe orgullosa por uns resultados que se verán acrecentados nas seguintes edicións, porque os éxitos do presente son sementes que prenderán en outros mozos e mozas galegas.

Comentarios