Opinión

Galiza está eucaliptizada...

...quen a deseucaliptizará? O deseucaliptizador que a deseucaliptice, bo deseucaliptizador será!

Hai un mes unha morea de concentracións promovidas por corenta colectivos do máis variado (sindicatos, agrupacións ecoloxistas...) agrupados na Plataforma por un Monte Galego con Futuro ocuparon as rúas das principais vilas e cidades galegas contra o novo Plan Forestal Galego que o PP viña de aprobar no Parlamento de Galiza. As razóns do rexeitamento son variadas como planificar a partires dun Inventario Forestal Galego totalmente desfasado (datos do 2009) e que descoñece a superficie actual ocupada por E. globulus e E. nitens, ou ser negociada nos despachos dalgunha empresa pasteira pero ignorando a todos os axentes sociais vinculados ao medio rural (trátase dun problema global) ou en concreto aos vencellados co monte.

Outra das grandes queixas é que dá unha visión do monte totalmente produtivista poñendo a ordenación do mesmo en mans de empresas do sector e ignorando o interese público de reservar certos hábitats de grande valor ecosistémico e natural. Porén a crítica máis mordaz deste plan céntrase na promoción de especies pirófitas e en concreto no aumento da superficie ocupada polo E. nitens. No plan promóvese un monocultivo de piñeiros e eucaliptos que acade unha superficie de 1,4 millóns de hectáreas en 2040 e un aumento de 3 millóns de metros cúbicos de cortas anuais de madeira de baixa calidade (ata acadar os 12 millóns anuais). E pese a ter máis que duplicada a superficie que o último plan tiña destinado a eucalipto ata o 2030, esta nova planificación aínda prevé aumentar máis a superficie de E. nitens nos vindeiros 20 anos.

Aspectos como afrontar a emerxencia climática (o grande reto da humanidade deste século se queremos garantir a nosa supervivencia), a preservación da diversidade de hábitats e especies, ou a promoción dun aproveitamento multifuncional do monte son, de novo, esquecidos no novo plan. O PP volve coa teima dun monocultivo que trae o empobrecemento do solo e un alto consumo de auga, que fai do monte unha voraz bomba de reloxería nos finais de verán e comezos de outono e que cando as empresas pasteiras (poñamos nome: Ence) acaden a superficie forestal de eucalipto que tiñan previsto traerá unha considerábel baixada de prezos deste tipo de madeira (non hai que esquecer que os actuais altos prezos son en parte debidos a un incentivo para conseguir a ampliación da superficie de eucaliptos).

Mais unhas horas despois de aprobar este novo plan forestal o conselleiro de Medio Rural anunciaba unha moratoria pola cal só se permitirán plantacións con eucaliptos naquelas tenzas onde xa estaba plantada esta especie. Esta moratoria (sen regulamento nin recursos para facela cumprir) conseguiu que nestes case dous meses as plantacións, sen control, de eucalipto aumentaran de xeito significativo en toda Galiza pero especialmente na provincia de Lugo (Terra Chá, Terra de Lemos e Chantada). Viveiros que esgotaron a planta de eucalipto, empresas que non dan feito e algunhas que traballan incluso de noite para quitar outras especies (tamén frondosas) e plantar eucaliptos (algúns incluso en terras agrarias ou en espazos naturais protexidos). Un efecto chamada que está a poñer o noso monte fóra de control e que de ningunha maneira foi un erro político, senón unha estratexia ben premeditada e calculada.

Galiza está eucaliptizada e por desgraza aínda o estará máis. Para poder controlar a invasión deste monocultivo fai falla un goberno valente, que se enfronte por unha banda ás grandes empresas do sector e que esqueza as presións dos votantes curtopracistas que queren sacar un rendemento rápido do monte en vez de pensar nos fillos/as ou netos/as (como sempre se fixo no monte). Non tardará moito tempo en que un coala poida cruzar Galiza de punta a punta baixo a sombra de eucaliptos!

Comentarios