Opinión

O fútbol gaélico na Galiza

AO LONGO desta semana estanse a disputar na cidade irlandesa de Waterford (con final no mítico estadio Croke Park de Dublín) os Renault GAA World Games 2019, ou Mundial dos xogos gaélicos, que na súa terceira edición é o evento máis importante a nivel internacional duns xogos cada vez máis populares na Galiza. O evento, creado no 2015 pola Gaelic Athletic Association (GAA), trata de recoñecer a expansión dos deportes gaélicos (fútbol, camogie e hurling) fóra das fronteiras de Irlanda. E aínda que moitos destes equipos foráneos están formados por irlandeses emigrados, o caso da Galiza é totalmente distinto, e as nosas seleccións de fútbol gaélico (feminina e masculina) compiten ao longo desta semana con opcións claras de éxito.

E como se chegou a ter unha selección, participar nun campionato mundial e ademais ser moi competitivos cando hai dez anos ninguén xogaba a este deporte na Galiza? A resposta só a teñen as xogadoras e xogadores deste deporte pero seguramente se basee en que é un deporte divertido, completo e nada profesionalizado (incluso os mellores xogadores en Irlanda non cobran por xogar). A historia é breve e remóntase a unha viaxe do coruñés Wenceslao García Zapata (Wences) a Irlanda. Marabillado por este deporte, á súa volta fundaría na cidade herculina o primeiro equipo de fútbol gaélico en Galiza, o Fillos de Breogán no 2010. A partires dese intre, os equipos comezaron a abrollar por toda a xeografía galega ata que no 2013 se creou a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia) e paralelamente as seleccións masculina e feminina que hoxe compiten en pé de igualdade coas mellores do mundo. De feito, a selección galega de fútbol gaélico feminino proclamábase o ano pasado campioa de Europa na Bretaña nun disputado partido contra a temible Francia (mentres que a masculina quedaba subcampioa).

Pero, que é isto do fútbol gaélico? Pois un antigo deporte, xogado principalmente en Irlanda, con certas semellanzas co fútbol británico. Xógase en equipos de 15 xogadores (na Galiza os equipos son menos numerosos para adaptarse aos terreos de xogo existentes) nunha cancha de céspede rectangular con porterías en forma de H. Gaña o equipo con maior número de puntos, marcando goles (3 puntos) ou lanzando o balón por enriba do longueiro (1 punto). Trátase dun deporte moi dinámico onde os/as xogadores/as avanzan polo campo levando o balón nas súas mans, pateándoo co pé e pasándoo (golpeando o balón coa man) entre os membros do equipo. Un deporte que en Irlanda enche estadios de preto de 100.000 espectadores e que fomenta a camaradería entre rivais (terceiro tempo).

Aquí, no país, dispútanse dúas ligas de fútbol, a Liga Galega de fútbol gaélico con 21 equipos, 14 masculinos e 7 femininos, ningún deles na provincia de Lugo (aínda que hai a previsión de crear un na cidade e outro na Mariña) e a Liga Gallaecia, que é a primeira liga mixta do mundo e na que si hai un equipo lucense, o Torques de Lugoslavia. Nesta última, creada no 2013, compiten na actualidade case unha ducia de equipos que fomentan o non segregacionismo, o deporte de base ou o respecto pola diversidade e onde o equipo local, promovido pola Asociación Cultural Cultura do País, adestra en Nadela conseguindo uns magníficos resultados.

Comentarios