Opinión

Familias, fútbol e menores

Hai xa uns cantos anos que a miña parella e eu decidimos entrar no selecto club de nais e pais. Non conformes con esa gloriosa entrada decidimos asegundar, un par de anos despois, pensando en que se os demais eran capaces de levalo a cabo, nós non iamos ser menos. A verdade é que o asunto non é para nada doado neste sociedade na que vivimos (realmente nunca o foi porque todas as xeracións viviron uns perigos e tiveron unhas oportunidades distintas) e as dúbidas foron o mar de fondo co que convivimos en cada unha das etapas. Un cansazo físico nos primeiros anos que foi mudando noutro psicolóxico conforme foi avanzando o tempo. Iso si, todo mesturado cunha morea de momentos felices que fan esquecer os malos tragos que nos fan pasar, a modo de amnesia selectiva co que natureza programa a todas as familias para asegurar a supervivencia da especie.

Se as dúbidas estiveron presentes aí, agora que estamos a vivir os comezos da adolescencia os interrogantes fan tremer todos os cimentos que mentalmente construímos cando proxectamos o futuro en familia. Supoño que será a inseguridade que todos os pais/nais sofren (coma min) o que os leva a reafirmarse como autoridade diante dos seus fillos e fillas desautorizando a todas e cantas persoas rodean os nenos, creando unha serie de burbullas invisibles para protexer aos seus descendentes. Familias que desacreditan aos médicos diante deles cando oen o que non queren, nais e pais que critican ao profesorado cando as notas non son as agardadas ou cando lles é comunicado un comportamento inadecuado, proxenitores que desaproban a un adestrador dando contraordes no medio dun partido dende as bancadas e que insultan os árbitros porque coa súa imparcialidade non axuda ao seu equipo.

A min non me gusta o fútbol. Gustoume bastante durante moitos anos, sufrindo cando o meu equipo perdía e vivindo xutes de ledicia cando gañaba e acadaba títulos. Hoxe é raro que vexa un partido, pero defendo as cores de calquera dos equipos galegos cando xogan cun de fóra (sen deixar de esquecer a camiseta que me enchía de neno). Todos os anos, a comezos de curso, negociamos as actividades extraescolares deixándolles certa liberdade, que no caso do fillo maior empregou para elixir o fútbol (primeiro sala e despois campo) como actividade física, para maior desgusto noso. E digo «desgusto» porque se o fútbol é un deporte moi sacrificado para os nenos (xa que hai que lidar coas inclemencias meteorolóxicas) tamén o é para as familias polos múltiples días de adestramento e os partidos que coinciden, como todo o mundo sabe, na fin de semana.

Aínda que non sempre, intentamos ver algún partido, sobre todo porque a el lle fai ilusión, mais non podo negar a miña incomodidade nos encontros e afirmo rotundamente que as familias teriamos que ter totalmente prohibida a asistencia tanto aos adestramentos como aos partidos de fútbol. É difícil acudir a un encontro de menores nos que non se profiren barbaridades contra os/as árbitros/as (mozos e mozas que actúan o mellor que poden e cunha paciencia infinita), nos que algún pai/nai non lle berra ao fillo/a suplantando o papel do adestrador/a, cando non hai directamente unha liorta (estas familias, aínda sendo minoritarias, fanse notar!). Os nenos e nenas, que son como esponxas, rematan por imitar os seus proxenitores poñendo en dúbida as decisións arbitrais e xogando dun xeito agresivo e pouco limpo.

Eu teño moi claro que o meu fillo non será futbolista profesional (ao contrario que moitos/as dos meus compañeiros/as de ‘club’). Tan só quero que mentres teña afección por este deporte, se divirta xogando, comparta momentos cos seus colegas, coñeza xente, aprenda disciplina, faga exercicio físico, teña un trato exquisito cos ‘rivai’ e poña ao equipo por diante dos seus intereses individuais (entre outras moitas cousas que transmite calquera deporte colectivo). O resultado éme totalmente indiferente, e remato cunha sentenza que fará rir a moitos dos meus compañeiros de club de nais e pais: as derrotas son sempre máis pedagóxicas para a vida que as vitorias.

Comentarios