Opinión

Unha estrela chamada Rosalía

CANTAS VECES levamos cantado/recitado o poema ‘Negra sombra’ de Rosalía de Castro: "Cando maxino que es ida, / no mesmo sol te me amostras, / i eres a estrela que brila, / i eres o vento que zoa.", e nunca pensamos que podía chegar a ser un dos máis autobiográficos. Pois si, a Unión Astronómica Internacional anunciaba esta semana que a estrela HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar. Situada a 240 anos luz de Galiza, ben poderiamos xustificar a morriña que esta autora destilou en parte da súa obra, como un presaxio do que ía acontecer. 

Fóra destas brincadeiras iniciais, síntome tremendamente orgulloso de que Rosalía de Castro e o río Sar reafirmen a súa universalidade con tan grato acontecemento astronómico. Fun tan só unha das 13.413 sinaturas recollidas por internet en todo o Estado (máis do 39% do total) que apostaron pola autora galega para nomear unha estrela amarela anana (ben podería ser un insulto se o noso Sol non fose outra), 1,21 veces máis masiva que a nosa estrela e cun raio tamén 1,49 veces maior. Por outra banda, o planeta bautizado como Sar, e descuberto no 2015, é un xigante gasoso máis grande que Xúpiter e que ten un ano de catro días polo que a temperatura superficial, provocada pola súa proximidade á estrela Rosalía, é moi elevada. 

A nova foi coñecida o martes desta semana tralo anuncio da Unión Astronómica Internacional (IAU). Temos que agradecer como pobo o traballo realizado pola fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, que lograron que a nosa proposta superase en votos a outras parellas literarias como Tirant e Carmesina (‘Tirant lo Blanc’) ou Diego e Isabel (Los Amantes de Teruel), pero tamén a outra proposta galaica como foi Breogán e Ith. Na rolda de prensa realizada en París, a IAU deu a coñecer os resultados da iniciativa Name ExoWorlds, lanzada pola organización científica no cumprimento do seu 100 aniversario. 

Dende as entidades promotoras xustifican o seu nomeamento debido a que "o seu discurso, contrario a toda forma de inxustiza, é inequivocamente feminista e audazmente ecoloxista na súa defensa e amor pola natureza, moi presente na súa obra, igual que tamén están moi presenten a noite e os obxectos celestes". Eu engadiría outra, xa que o sistema proposto para España está na constelación de Ofiuco e forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, compilado a comezos do século XX pola astrónoma Annie Jump Cannon (outra muller pioneira como a nosa Rosalía) e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard (USA). 

Pero esta non é a única nova que liga Rosalía co firmamento. No ano 1994 a IAU, a proposta de Henrique Pujales, bautizou un cráter de Venus co seu nome. En internet salientan que o único parecido entre o devandito cráter con Galiza é que está cuberto de nubes como o ceo que nos ofrece este tren de borrascas que ameaza con asolagarnos. Temos que lembrar tamén a iniciativa da compañía nórdica Norwegian Airlines para bautizar hai dous anos a un dos seus Boeing 737. E queda por concluír a proposta que máis ilusión me fixo ao respecto da nosa musa, que é o cambio para que o aeroporto de Santiago pasase a chamarse Rosalía de Castro. Esta iniciativa que contou co apoio unánime de todos os estamentos agarda por unha orde ministerial que o Goberno de España non pode ditar por atoparse en funciones dende hai preto dun ano.

Comentarios