sábado. 08.05.2021 |
El tiempo
sábado. 08.05.2021
El tiempo

Estatuto de autonomía e lingua

NO MES de abril de hai 40 anos o rei Xoán Carlos I e o presidente Leopoldo Calvo-Sotelo asinaban o actual estatuto de autonomía de Galiza, que fora previamente votado en referendo o día 21 de decembro de 1980 cun 73,35% de votos favorábeis, no medio dunha gran abstención (só participaron o 28,3% dos galegos e das galegas). Deste xeito pasábase páxina, 45 anos despois de referendar a cidadanía galega o estatuto do 36 de xeito maioritario, dun capítulo que quedara truncado polo golpe de estado. Aquel intre, e o posterior traballo de varios nacionalistas como Castelao, foi clave para que no actual estatuto de autonomía tiveramos a consideración de nacionalidade histórica e unha vía de acceso rápida á autonomía "plena".

A historia da xestación do actual estatuto dá para varios libros e resulta moi interesante estudar como foron os comportamentos dos distintos partidos políticos estatais e galegos no momento. O deseño inicial, denominado Estatuto dos Dezaseis, foi rexeitado polos partidos nacionalistas e masivamente pola cidadanía galega que saíu á rúa en Vigo o 4 de decembro de 1979 para denunciar o que se deu en denominar "Estatuto da aldraxe". Aquela proposta decaeu por pouco ambiciosa e de segunda orde con respecto a Cataluña e Euskadi. O documento orixinal foi retocado posteriormente ata chegar ao deseño actual, que sinceramente segue a ser un texto moi conservador e que non se adapta ás necesidades da cidadanía galega do século XXI.

Durante o goberno bipartito comezou a traballarse na reforma do estatuto pero naquel intre o voceiro dos populares, Alberto Núñez Feixóo, seguindo as liñas marcadas dende a rúa Génova de Madrid, mantivo unha posición moi centralista como despois demostraría na súa incapacidade de reclamar transferencias pendentes (e recollidas no actual texto estatutario) nos 12 anos de goberno posteriores. Galiza ten que ser considerada como nación, como tamén o son Euskadi e Cataluña, e avanzar cara unha relación co Estado de tipo confederal. Un novo texto que conte co apoio masivo da cidadanía e que prime os intereses galegos e non dos que seguen querendo explotar os nosos recursos de xeito colonialista (véxase a actual invasión eólica).

Deste xeito, os actuais partidos políticos celebraron distintos actos relacionados coas catro décadas de vixencia do actual estatuto. Recoméndolle ao PPdeG que rompa dunha vez por todas o cordón umbilical con Madrid, que celebre o 40 aniversario pedindo todas as transferencias permitidas no texto estatutario e que despois as exerza con firmeza e liderado.

Porque ter competencias en materia lingüística e o deber de defender a lingua propia de Galiza non foi suficiente para que nada máis entrar no goberno da Xunta de Galiza, o señor Feixóo, aprobase un Decreto do Plurilingüismo que deixa lodos como os que nos ensinou un estudo publicado pola Real Academia Galega esta mesma semana.

O traballo presentado no Pazo da Deputación de Pontevedra constatou que a denominada xeración Z (a dos centennials, nados a comezos do século XXI) remata a Eso cun dominio diferente das dúas linguas oficiais. Mentres que o alumnado galegofalante remata a etapa cun dominio semellante nos dous idiomas, o 35% do alumnado castelanfalante ten unha escasa competencia en galego. O interesante estudo achega moitas conclusións que non impide que eu tire as miñas a título individual e de xeito telegráfico. Primeira, que a maior inxustiza é tratar por igual a elementos que non están nun plano de igualdade. Segunda, que o goberno de Feixóo trunfou claramente na súa política lingüística, que non era outra que tratar de fulminar a lingua propia vestido cun traxe de falso galeguista.

Estatuto de autonomía e lingua
Comentarios