Opinión

A Escola Agrícola da Granxa de Barreiros (2ª parte)

Se a tenor da venda-alugueiro da Escola-Granxa de Barreiros o venres pasado falamos da orixe dun experimento educativo de primeira orde, teño que admitir que para min o verdadeiramente meritorio non foi realizar un experimento puntual, senón intentar trasladar o modelo a todas as escolas do rural galegas posíbeis. Para iso Antonio Fernández, coa axuda intelectual de Avelino, ideou e custeou os “Cursiños de Formación Agropecuaria para Mestres Rurais” que se realizaban no verán, durante dous meses, recibindo unha bolsa, o profesorado participante, para sufragar os gastos de estancia. O primeiro deles foi inaugurado o 15 de xuño de 1948 (hai xusto 75 anos), tan só un semestre despois de abrir o centro educativo, e durou dous meses, rematando o 15 de agosto, participando 78 mestres.

Durante oito horas diarias os/as mestres/as recibían unha moi ampla formación que abranguía todos os aspectos relacionados co mundo rural. Co fin de facilitar o labor docente Avelino Pousa Antelo publicou en 1951 o libro “Temas de Agricultura”, a maiores dos cuestionarios de temas a desenvolver nun curso escolar. O temario vixente en 1955 incluía 159 temas que deberían desenvolverse nun prazo máximo de 50 días hábiles. O programa diario comezaba con tres hora matinais co fin de desenvolver outros tantos temas teóricos e unha cuarta na que un “cursillista” explicaría aos nenos unha lección dos temas xa explicados, coa finalidade de mellorar a formación didáctica. As tres primeiras horas da tarde dedicaríanse a prácticas sobre os temas xa explicados, sendo a cuarta, e última do día, para a educación “folklórica” dos mestres (canto, baile, recitado, escenificación...). O obxectivo de Antonio non era soamente capacitar aos futuros labregos/as senón tamén influír nos adultos a través dos escolares.

Animo ao tecido empresarial galego (sobre todo a aquel relacionado co sector primario) a afanarse no desenvolvemento social e económico de Galiza

Os temas agrupábanse nos seguintes bloques de contidos: cuestións prácticas de relixión, nocións de ciencia fisico-químicas, xeoloxía e terreos, climatoloxía, xenética, morfoloxía e fisioloxía vexetal, adubos, máquinas agrícolas, cultivo de cereais, cultivo do millo, patacas, prados, cultivos forraxeiros, ensilaxe, fruticultura, horticultura, a vide, pragas do campo, economía rural e agrícola, construcións rurais, montes e repoboación forestal, gando bovino, industrias lácteas, gando porcino, avicultura, cunicultura, apicultura e sanidade e hixiene rural humanas.

Aínda que o seu plan de chegar a todos os mestres rurais foi imposíbel debido á pouca implicación do goberno de Franco, Antonio Fernández logrou levar a cabo trinta e dous cursos en Lugo e algún máis no resto de Galiza, aos que asistiron centos de mestres/as galegos/as. Co fin de seguir animando o labor dos ensinantes Antonio estableceu concursos anuais de cultivos e de recollida de material folclórico (véxase o libro “Contos populares da provincia de Lugo”, publicado en 1963, ou o “Cancioneiro galego”, que sae á luz en 1972), a realización de asembleas anuais (nas que se compartían experiencias, se entregaban os premios dos concursos e había intervencións de especialistas convidados) así como a creación das Cooperativas Escolares de Produción Agraria que, se non tiveron continuidade foi, outra volta, por falta de apoio da administración.

Animo ao tecido empresarial galego (sobre todo a aquel relacionado co sector primario) a afanarse no desenvolvemento social e económico de Galiza, apostando polo ensino e a transferencia de coñecementos como verdadeira panca de cambios profundos e estruturais, fóra da celeridade e a superficialidade que o mundo das redes sociais veu inoculando na nosa sociedade.


 

Comentarios