Opinión

A Escola Agrícola da Granxa de Barreiros (1ª parte)

A SEMANA pasada os medios informativos da provincia daban conta da procura de arrendatario ou comprador (por un millón e medio de euros) da Granxa-Escola que Asunción Fernández Puentes, Siña (filla do empresario Antonio Fernández López) posúe no lugar de Barreiros. A propiedade conta cunha superficie de vinte hectáreas de terreo (que foron empregadas para cultivo de produtos de horta ecolóxicos e visitas escolares, entre outros) e preto de dous mil cincocentos metros cadrados construídos (casa, albergue, salas para a celebración de eventos...). Nos últimos tempos esas instalacións aínda mantiñan un uso didáctico para amosar a potencialidade do noso rural (seguindo as directrices iniciais do proxecto), mais a chegada da pandemia da covid-19 púxolle a puntilla a esta iniciativa tan entrañábel. Ao longo deste artigo, e do que vén, descubriremos as orixes da Granxa- Escola de Barreiros.

Esta orixinal experiencia educativa é froito da confluencia de dúas grandes figuras na Galiza do século XX (e das que temos falado nesta columna en ocasións anteriores): o empresario de éxito, reformador e filántropo, Antonio Fernández López, e o docente galeguista, escritor e grande animador cultural, Avelino Pousa Antelo.

A iniciativa sitúase, como ben dixemos antes, en Barreiros (parroquia sarriá de Ortoá), lugar onde naceu Antón de Marcos (pai de Antonio Fernández). A morte prematura do tratante de Barreiros fixo que o fillo maior se fixese cargo da casa familiar a mediados da década dos trinta, instalando unha moderna granxa agropecuaria que serviu de faro para a veciñanza da zona. Unha explotación cos adiantos técnicos do momento a nivel europeo, para a cría de vacún, porcino e aves, na que se apostaba pola mellora xenética do gando, a recuperación de razas autóctonas e que contou cun dos primeiros observatorios meteorolóxicos particulares do Estado.

Estando Avelino Pousa de mestre en Santa Comba (Lugo) no ano 1946, ponse en contacto con el Antonio Fernández para ofrecerlle a posibilidade de cumprir o seu soño educativo: crear unha verdadeira escola rural (véxase a diferenza entre escola rural e escola no rural) dende cero. Para levar a cabo esa tarefa, Avelino completou a súa formación agropecuaria na Misión Biolóxica de Galicia, na Estación Pecuaria Rexional de Lugo (con Cruz Gallástegui e Rof Codina, respectivamente), na Estación de Praticultura e Cultivos de Veiga e na Estación de Fitopatoloxía Agrícola (ambas as dúas na Coruña), na Estación de Fructicultura de Logroño, así como realizando innumerábeis cursos no resto de materias.

O 1 de febreiro de 1948 inaugurábase a Escola Agrícola da Granxa de Barreiros, financiada integramente por Antonio Fernández e dirixida por Avelino Pousa. A escola era totalmente gratuíta para a rapazada de entre seis e catorce anos pertencentes ás parroquias da contorna, pero tamén para os adultos. Avelino estaba auxiliado por unha mestra, María Teresa López Carrozas, que atendía ao alumnado de primeiro grao e por alí pasaban un cento de escolares diariamente en sesións de mañá, tarde e noite. O ensino alí impartido seguía o ritmo da vida local, a través de centros de interese agropecuarios, seguindo as directrices da renovación pedagóxica marcadas por Freinet e Decroly. As aulas impartíanse no exterior cando se podía e as prácticas eran o revulsivo dunha rapazada ávida por aprender e con ansia por demostrar a súa valía a unha sociedade que seguía sen crer no rural. Porén, a maiores da actividade escolar diaria, nas tardes dos domingos as instalacións abrían as súas portas para actividades deportivas e culturais (baile tradicional, teatro...), sen esquecer o labor divulgador a través de charlas-coloquio, impartidas por expertos nos distintos aspectos da actividade agropecuaria, ou proxeccións comentadas de películas e documentais.

Comentarios