sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Escapada polo Courel

HAI UNHAS semanas un grupo de persoas relacionadas con Cervantes decidimos pasar unha xornada polo Courel. Fixo de anfitrioa Lourdes González, directora do CPI Poeta Uxío Novoneyra de Seoane do Courel, e de guía Orlando Gregorio Álvarez, activista e gran coñecedor da montaña courelá. Neste artigo fago unha pequena descrición da viaxe, por un dos máis fermosos paraxes da provincia de Lugo, co fin de incitar ese turismo interior tan interesante en tempos de pandemia (e de normalidade!).

Pola mañá, despois de quedar no cámping de Esperante (a carón de Seoane) subimos ata o Alto do Couto en coche co fin de realizar a ruta da Devesa da Rogueira. Mentres un grupo decidiu ir ata á fonte do Cervo polo camiño convencional (6 km, ida e volta, de dificultade media-baixa) outro aventurouse a subir ao teito do Courel por un sendeiro deseñado e coidado por Orlando. A subida ao pico Formigueiros foi pola crista norte, dende A Fontela, con trescentos metros de desnivel en pouco máis dun quilómetro. Formigueiros, cos seus 1.640 metros de altitude, ofrece unhas vistas panorámicas excepcionais. A baixada á fonte é moito máis suave e asequíbel que a subida anterior pero os dous caños de auga, calcaria e ferruxinosa, e as múltiples arandeiras silvestres a rentes do sendeiro serven de combustíbel para rematar a ruta. No regreso a Seoane imos deixando fermosas aldeas ao redor Moreda, Parada, Campelo... e faise obrigado parar no miradoiro, de recente construción, para admirar as ruínas do castelo de Carbedo onde estivo agochado Afonso II, o Casto, perseguido polo seu primo Aurelio. Unha vez chegamos a Seoane seguimos a estrada autonómica en dirección a Folgoso para xantar nun dos restaurantes máis emblemáticos da provincia: O Pontón, en Ferreirós de Abaixo. Boa carne á grella para recuperar as forzas.

Despois de xantar achegámonos a pé ata o Pozo das Mulas na desembocadura do rego da Veiga co río Lor. Unha xigantesca rocha, á que se pode subir dende unha árbore, serve de miradoiro para o estreito val de montaña. Alí agárdanos un baño refrescante no pozo natural dun río de augas cristalinas, azuladas e frías.

A viaxe proseguiu en coche volvendo cara Seoane e collendo a estrada que leva a Seceda. Un pouco antes de chegar a Sobredo aparcamos os coches e accedemos ata o Castro da Torre. O bo de ir acompañados por Orlando, coordinador do grupo ecoloxista SOS-Courel (profesor, ex-concelleiro...), é que empregas itinerarios alternativos, non sinalizados, para acceder aos distintos lugares. No promontorio, de situación estratéxica dende o punto de vista defensivo, existen os restos dun fermoso castro escavado. Na parte superior o observador avezado pode distinguir a cimentación da torre medieval que dá nome ao castro.

Dende alí regresamos á estrada autonómica en dirección a Seoane e volvemos desviarnos en dirección a Mercurín. A poucos metros do desvío temos agochado no medio da fraga o Val das Mouras onde a auga fixo covas incribles na rocha calcaria entre altos e centenarios castiñeiros.

Non chegou o tempo para ver de novo a casa de Uxío Novoneyra (obrigado en todas as visitas ao Courel) ou para coñecer o túnel romano de Romeor, entre os moitos tesouros que a serra agocha. Quedamos coas ganas de realizar o quilómetro vertical (que eu saiba, o único de Galiza) que Orlando deseñou e sinalizou dende Ferreirós de Abaixo ata o pico de Pía Paxaro (1.610 m) pasando polo pico de Penaboa. Grazas Orlando polo inmenso traballo feito para descubrirnos as fermosas terras do Courel!

Escapada polo Courel
Comentarios