Opinión

Ensino público: chafariz de cultura

NO MUNDO educativo, sanitario, cultural... temos que aprender a quitar os lentes da rendibilidade económica capitalista para analizar con obxectividade que proxectos deben de ser apoiados polas administracións públicas para que saian adiante. É triste xustificar só nos ratios, ou no número de alumnado, os recortes do profesorado nos centros do rural, como o é tratar de reducir o tempo de asistencia dos doentes para aumentar o cupo do persoal médico e polo tanto reducir tamén o número de profesionais sanitarios nos centros de saúde da atención primaria. Por suposto, a cultura, non sempre ten que ser medida baixo termos económicos e nese aspecto servizos, como o de Publicacións da Deputación de Lugo, xogan un papel importante para sacar á luz proxectos culturais xerados por protagonistas lucenses e/ou centrados nas Terras de Lugo ou de Galiza xeral.

Dende hai quince anos, os produtos que saen do prelo por parte do Servizo de Publicacións teñen unha calidade extraordinaria, tanto dos contidos como da súa estética, mimada por un grupo de traballadores/as que viven a cultura como algo máis que un lugar onde traballar e gañarse a vida. Un servizo que trata de amosar o mellor de nós como lucenses e de divulgar a cultura independentemente de se a tirada e a venda dos exemplares cubra os gastos de impresión e o traballo intermedio.

Hai dez días caeron nas miñas mans dous interesantísimos libros nacidos en dous proxectos desenvolvidos por dous centros públicos lucenses. O primeiro deles leva por título ‘Nós tamén temos historia. Álbum histórico dos alumnos de 4º da Eso. Curso 2020-2021’, foi realizado no IES Lucus Augusti (o antigo Masculino) e presentado o 12 de maio no salón de actos do centenario instituto lucense. O segundo: ‘Fotografía matemática’ tivo orixe no Ies Enrique Muruais da Pontenova e foi presentado o venres pasado.

A priori, semellan dúas propostas totalmente diferentes en canto a súa orixe e ao seu contido. O primeiro deles foi xestado nun centro urbano, mentres o segundo naceu nun dos múltiples centros rurais de Lugo. O Lucus Augusti é o centro de ensino secundario máis antigo de Galiza xa que comezou a súa actividade económica no 1843, mentres o Enrique Muruais é dos máis recentes, nacendo ao abeiro da Loxse no curso 1993-1994 (previamente como Ies da Pontenova). O primeiro, edítao Edicións Positivas coa colaboración da Deputación de Lugo; o segundo, é froito dese Servizo de Publicacións que comentaba antes.

Seguindo coas diferenzas poderiamos pensar que o primeiro é un libro ‘para os de letras’ xa que foi un traballo promovido polo departamento de Xeografía e Historia mentres que o segundo ten como destino ‘os de ciencias’ pois xurdiu do departamento de Matemáticas. Mais todas esas diferencias non son máis que un xogo, sobre todo esta última, acostumados como estamos a tratar de compartimentar os coñecementos en caixiñas herméticas, idea totalmente decimonónica.

No álbum histórico do Lucus Augusti un grupo de alumnos e alumnas capitaneadas polo profesor Gaspar Méndez iniciaron hai máis de ano un proxecto de recuperación da memoria histórica, indagando na historia familiar e vendo como as accións dos seus antepasados influíron na historia que hoxe estudan nos libros de texto. O outro álbum, neste caso de fotografía matemática, recolle fotografías feitas polo alumnado do Enrique Muruais (pero tamén do profesorado) e presentadas a un Certame de Fotografía Matemática xurdido no centro na primavera de 2010 (e que continúa na actualidade) grazas á implicación de Sabela Núñez e Rubén Sanjurjo. Nel as fotografías recollen como, sen darnos conta, as matemáticas nos envolven baixo as súas xeometrías, modelos e teoremas.

Dous proxectos moi visuais que son o resultado da implicación do profesorado do ensino público e que ten como principal protagonista ao noso alumnado. Porque suficientemente motivado e titorizado, é unha fonte de creatividade e de traballo que non deixa de sorprendernos aos adultos.

Comentarios