sábado. 24.07.2021 |
El tiempo
sábado. 24.07.2021
El tiempo

Enésima lei de educación

SE HAI ALGO que enerva aos profesionais e investigadores de educación é a inestabilidade do marco lexislativo e que un dos servizos esenciais do estado do benestar se transforme nun continuo campo de batalla política entre os dous principais partidos do Estado. Cando ollamos aos países nórdicos como referentes no mundo do ensino (salvando as grandes diferenzas contextuais) non vemos cambios de leis cada vez que muda un goberno senón pequenos e periódicos reaxustes nos sistemas educativos baseados nos resultados de investigacións educativas sobre o proceso global. Aquí no Estado español a investigación educativa segue estando moi dispersa, pouco centrada nas políticas educativas e ten un grave problema de transferencia dos resultados ao campo práctico do ensino.

Se omitín na listaxe inicial de cabreados ás familias e estudantes non é porque eles non se vexan afectados, ao contrario, pero a visión que teñen do campo educativo, debido á súa complexidade e variabilidade con respecto a xeracións anteriores, é a do curso presente e como moito, cando chega a primavera, a do curso seguinte. Deste xeito un/ha estudante vai coleccionando no seu proceso de ensino unha serie de normas que fai que a súa aprendizaxe sexa distinta á de promocións inmediatamente máis vellas ou máis novas. Non se sabe se mellor ou peor porque son factores difíciles de medir pero, polo menos, distinta.

A semana pasada vimos como o Congreso dos Deputados aprobaba pola mínima unha nova lei, a quinta dende a da Loxse no 1990 (Loxse, Loce, Loe, Lomce, Lomloe). O resultado da votación indica que será outra lei efémera que dependerá dos equilibrios parlamentarios esquerda-dereita pero non dos resultados académicos obtidos (certo é que todas teñen a capacidade de mellorar ás anteriores co mero feito de axustar o baremo co que se fan as avaliacións).

A Lomloe (Lei Orgánica de modificación da Loe) desatou nas posicións máis conservadoras un rexeitamento totalmente desmedido con concentracións de coches incluídas (que é o sistema empregado por Vox para as mobilizacións) aínda que pouco significativas no ámbito galego con respecto a outros territorios. Sinceramente, e deixando de lado calquera intento para chegar a amplos consensos educativos, a Lomloe seméllase moito á Lomce. Certo é que mellora algún aspecto negativo con respecto á lei anterior pero non chega a facer cambios estruturais que me parecen de grande interese nun modelo que aínda ten percorrido para chegar á excelencia.

A ultradereita madrileña fala de ataque ao español polo mero feito de retirarlle o carácter vehicular na redacción da nova lei e non se lembran que a única lei na historia democrática que o contemplou foi precisamente a Lomce. O elemento negativo é que o "galeguista e progresista" Feijóo se aliñee coa caverna madrileña nesta loita, en vez de defender o idioma propio, por seguir estando nas quinielas para suceder a Pablo Casado na dirección do PP. Non nos enganemos máis, esa é a verdadeira face dun presidente que odia o galego e que o demostrou coa navallada do Decreto do Plurilingüísmo nada máis entrar, que tanto dano está facendo no noso idioma como reflicten as enquisas.

A Lomloe segue a manter o actual réxime de concertos (elimínanse, iso si, os dos centros que segregan por sexo), mantén o preconstitucional concordato co Vaticano, segue sen ir acompañada dunha lei de financiamento que garanta o seu desenvolvemento, non mellora as condicións laborais do profesorado, segue sen garantir a protección dos idiomas cooficiais nin reforza o ámbito competencial das CC.AA... Son tan só apuntes superficiais dunha lei que que nin logra consensos nin chega a realizar as necesarias reformas estruturais que o sistema precisa.

Enésima lei de educación
Comentarios