Opinión

Eleccións galegas 2020

Una persona deposita su papeleta en una urna. SALVADOR SAS (EFE)
photo_camera Una persona deposita su papeleta en una urna. SALVADOR SAS (EFE)

NO ARTIGO de hai quince días facía unha reflexión rápida sobre a resposta de distintos líderes políticos fronte á pandemia do Covid-19 centrando as tintas en tres líderes internacionais e distintos políticos/as estatais e autonómicos como se fosen sacados dun cómic de Ibáñez. Nesa sucinta avaliación non incluín á mantenta aos líderes locais, porque con toda a sinceridade, foron en termos xerais os que mellor responderon á complexa situación creada polo virus. Para eles e elas, do signo político que fosen, tamén foi unha situación nova. Tocoulles arrimar o ombro para dar uns servizos esenciais durante o confinamento, servindo de colchón último onde repousan as situacións económicas e familiares máis complexas. Para min, e aínda que tamén hai excepcións, foi a administración que mellor respondeu á crise, e non tivo que ser doado cando moitas das instrucións que viñan de arriba non foron claras, senón incluso contraditorias.

O martes desta semana cumpríase precisamente un ano das eleccións locais e, no concello de Lugo, o equipo dirixido por Rubén Arroxo daba a sorpresa da noite electoral ao multiplicar a súa representación ata chegar a acadar as cinco actas. Semanas máis tarde, despois das negociacións correspondentes, os cinco concelleiros e concelleiras entraban no goberno municipal ao reeditar un pacto que ao longo dos últimos anos, e de xeito descontinuo, ten dado interesantes froitos no concello de Lugo.

Ao final deste mandato municipal a veciñanza de Lugo terá unha cidade máis humana e peonil, cun centro urbano agradábel e con vida

Pois ben, case un ano despois de asinaren o pacto co PSdeG teño que felicitalos polo traballo desenvolvido. Antes e durante a crise demostraron estar a carón da cidadanía con iniciativas orixinais e atrevidas volvendo a pintar de cor unha corporación que na lexislatura pasada non soubo transmitir ilusión suficiente á veciñanza.

No sector cultural, un dos máis afectados pola crise pandémica a curto e medio prazo, encantáronme as iniciativas de sacar á rúa xogos para os nenos, co proxecto Tecendo Brincadeiras, no que todas as nenas e nenos (verdadeiros heroes nesta situación) dos distintos barrios da cidade foron atopando dende os primeiros paseos distintos xogos pintados nas beirarrúas co fin de evadirse desta dura realidade que lles tocou vivir. Pero as beirarrúas tamén foron o soporte elixido para as 50 citas literarias de autoras e autores homenaxeados polo día das letras galegas para celebrar un 17 de maio tan atípico. Iniciativas orixinais que enchen a rúa de vida e que teñen un custo insignificante.

Outras iniciativas destes últimos días no ámbito cultural foi a do auto-cine que comezará no aparcadoiro no Pazo Universitario de Deportes e que percorrerá as distintas localidades da provincia grazas a un acordo coa Área de Cultura da Deputación, ou o Muralleando Sen Parar onde durante varias fins de semana a muralla será o escenario onde distintos grupos locais animarán o paseo das múltiples persoas que nestes días invadiron a Ronda da Muralla sen ter que interromper o paseo.

Pero onde máis se está a notar a man do BNG no Concello é na mobilidade urbana. O plan de calmado de tráfico nas contornas escolares ou a confirmación por parte de Rubén Arroxo nos últimos días da peonalización permanente do carril interior da Ronda da Muralla (algo que podiamos intuír dende que se habilitou ese carril para paseo). Se dalgo estou seguro é que ao final do mandato a veciñanza de Lugo terá unha cidade máis humana e peonil, cun centro urbano agradábel e con vida, seguindo a estela dos modelos implantados polo BNG noutras localidades galegas como Ribadeo, Allariz ou Pontevedra.

Comentarios