miércoles. 27.05.2020 |
El tiempo
miércoles. 27.05.2020
El tiempo

Eleccións galegas 2020

Pouco a pouco pouco a axenda persoal volve a recuperar a actividade de antano. Volvemos ás clases (2ª de BAC), retómase a actividade social (minimamente), facemos a declaración da renda... e cando nos descoidemos, estamos inmersos xa na campaña das eleccións galegas; sen dúbida algunha, as máis diferentes de todas as que teñamos vivido dende que se instaurou a democracia. Sen saber como será a situación para mediados de xullo, todos os galegos e galegas estamos convocados a un proceso electoral que inevitablemente traerá consigo un contacto persoal que pode resultar perigoso e no que penso que está unha das claves da convocatoria das eleccións por parte do señor Feixóo.

Non sei cal é a razón pola cal o Lehendakari, Iñigo Urkullu, decidiu convocar as eleccións Vascas para o 12 de xullo (fóra desas decisións técnicas ás cales todos os gobernantes actuais se agarran para xustificar as súas decisións políticas e persoais), pero si teño moi claras as motivacións do Presidente Feixóo para 'ir a rebufo' do PNV. El afirmou que despois do verán a presenza de veraneantes en Galiza aumentaría a posibilidade dun rebrote, pero estou seguro que nin el, e moito menos o seu partido, loitará por blindar Galiza fronte a estes contaxios. De feito, tivemos a ocasión de blindarnos no comezo da pandemia e todos os partidos estatais estiveron de acordo en non illar os focos da pandemia para estendela polo resto do estado.

Dubidando logo dos criterios técnicos, que pode levar a Alberto a fixar o mesmo calendario que o País Vasco? Pois precisamente aproveitar a vantaxe de gobernar nun momento no que a oposición está silenciada en varias frontes. A primeira, o propio Parlamento de Galiza, que (non nos esquezamos) é precisamente o que imos elixir o día 12 de xullo, leva disolto dende o día 10 de febreiro e está funcionando baixo mínimos coa súa Deputación Permanente. Se xa antes a actividade parlamentaria era pouco visíbel por parte da sociedade galega en xeral, agora está totalmente anulada.

Outro dos factores que o Presidente Feixóo leva explotando dende o comezo da pandemia (realmente dende que foi elixido presidente da Xunta de Galiza) é o uso indiscriminado e mitineiro da radio televisión de Galiza. Dende o 14 de marzo ao 13 de maio, Feixóo leva acaparado 1.463 minutos de emisión en directo na TVG! Un servizo público imprescindíbel para dar cobertura ao idioma e a cultura do país convertido en medio de propaganda do Partido Popular e do seu presidente. Hai máis de 100 semanas (dinse pronto!) que cada venres os traballadores/as desta compañía se visten de negro para denunciar as inxerencias políticas por parte da Xunta. Uns Venres Negros que naceron precisamente hai dous anos e que todos os medios de comunicación públicos e privados tratan de ocultar.

Porque aí temos outra das bazas do actual Presidente: a función que historicamente viñeron xogando certos medios informativos privados cando dende a sede do PP tocaban a rebato. Por todos estes motivos, Feixóo, vai loitar para reducir a campaña electoral ao mínimo posíbel e limitar ao máximo o contacto persoal entre a oposición e o pobo galego no que podería ser o maior ‘pucheirazo’ da historia recente da democracia.

Aínda que o PP pensa que ten todo atado, e ben atado, nestas eleccións eu diríalle que non se confiaran. Erroneamente deducen que as galegas e galegos asociamos os baixos índices de contaxio en Galiza á súa xestión na Xunta de Galiza. Pensan que nos esquecemos que as privatizacións e a ausencia de control das residencias públicas causaron preto da metade dos máis de 600 falecidos en Galiza polo Covid-19, e nada máis lonxe da realidade.

Nesta 'campaña furtada' agardo poder ver aos líderes dos principais partidos galegos debatendo na televisión pública en ‘prime time’ e que todos acepten a proposta do BNG de fusionar o mailing electoral para minimizar custos. E, por suposto, o que máis agardo é que ningún dos miles de galegos e galegas que somos protagonistas o vindeiro 12 (votantes, membros das mesas, representantes dos partidos, xornalistas...) corramos ningún risco por ir a exercer os nosos dereitos como cidadáns e cidadás.

Eleccións galegas 2020
Comentarios