Opinión

A efémera existencia das estrelas fugaces

AO LONGO dos últimos dez días puidemos gozar no escuro ceo do noso rural dun fenómeno natural que, aínda repetido ano tras ano, non deixa de admirarnos aos humanos. Son as perseidas, coñecidas tamén como bágoas de san Lourenzo na tradición católica, unha choiva de meteoros de alta actividade que nos lembra que tamén dentro da perfección newtoniana do universo máis próximo existen fenómenos;efémeros coma o propio ser humano ou como moitas das accións que nós desenvolvemos. Unha fugacidade que dende hai pouco tempo se estende tamén ao campo da política coa irrupción das "novas forzas" tanto na esquerda como na dereita e tanto no estado como na Galiza. Experimentos dos laboratorios mediáticos pensados, un para dinamitar aos partidos de esquerda tradicionais
pero sobre todo aos partidos nacionalistas, e outro para brindarlle un bastón no que apoiarse a un Partido Popular que pese a súa xuventude, como partido, semella hoxe un edificio con fedorentas humidades e perigosos defectos de construción. 

Mentres o partido laranxa medraba baixo a filosofía dos mozos aínda que sobradamente preparados, a dereita moderna e a loita contra a corrupción, endémica xa nalgúns partidos, o partido morado tiña un campo moito máis grande ao absorber a xente desencantada coa política existente, a desamparada nesta longa crise económica e a "progresía" de clase media que viu nos líderes universitarios de ciencias políticas os abandeirados da democracia neste país. 

Mais ao pouco tempo da súa creación e crecemento sen precedentes, que incluso chegou a asustar a moitos dos laboratorios creadores, comezan a albiscar o seu ocaso despois de cometer grandes erros. O declive de Podemos comeza o 20 de decembro cando tivo nas súas mans eliminar ao Partido Popular do escenario político estatal e mudar catro anos de políticas tremendamente prexudiciais para as clases populares, para perpetualo no poder por mor de ambicións persoais desmedidas. O outro pecado refírese a Galiza, o taboleiro onde se vai xogar a seguinte batalla electoral, e onde Podemos demostrou que a nivel interno ten un funcionamento xerárquico coma o do PP. Vendeuse democracia interna da barata (desa de premer botóns cibernéticos sen debates previos, cara a cara) e atopámonos con deliberadas destitucións dos líderes electos non afíns e, o máis grave, a dilución actual na Marea Galega despois de que as bases votasen xustamente o contrario. A maiores da falta de democracia interna súmase o pecado de que o dedo dirixente volva a estar sentado nunha cómoda cadeira madrileña e non en calquera vila galega. 

Mudando de tema por completo, non quería rematar o artigo sen ter unha afectuosa lembranza dunha estrela que non foi efémera en vida, nin o será de morta. Trátase do pintor lucense Xosé Vázquez Cereijo, o artista lucense de dilatada experiencia e vocación europeísta que regresou á súa terra despois de pasar máis de media vida en Madrid. Despois de ducias de exposicións nas salas máis recoñecidas, dos premios máis cobizados entre as persoas do mundo da arte, déixanos a persoa humilde e xenerosa cos lucenses que tiven o orgullo de coñecer; outra estrela máis no noso imaxinario colectivo.

Comentarios