Opinión

Don Paco de Lourenzá

FOI UNHA elección con pouco ruído posterior. O que máis e o que menos tería o seu favorito ou favorita para celebrar o Día das Letras Galegas no ano 2023, mais a figura de don Francisco Fernández del Riego semella espertar simpatías en todos os flancos do mundo da cultura galega. Tratábase dunha candidatura de peso, que a maiores viña abalada polas efemérides: o 7 de xaneiro, don Paco (como era habitualmente coñecido por ser toda unha personalidade de moito peso no mundo da cultura galega), cumpriría 110 anos e o 17 de xullo celebrarase o sesenta aniversario da celebración do Día das Letras Galegas, unha proposta que levaron á RAG o noso homenaxeado xunto con Manuel Gómez Román (compañeiro de batallas no Partido Galeguista e arquitecto de fonda pegada en Lugo) e Xesús Ferro Couselo o 20 de marzo de 1963.

Francisco Fernández del Riego naceu en Vilanova de Lourenzá o día seguinte aos Reis de 1913, sendo o maior de 11 irmáns, no seo dunha familia acomodada. Estudou Dereito (o primeiro curso fíxoo en Madrid, participando activamente no nacemento da II República) e Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Na República xogou un papel relevante dentro do Partido Galeguista (formaría tamén parte do Seminario de Estudos Galegos, da agrupación Ultreya, da Federación de Mocedades Galeguistas, do Consello galego de Galeusca...) e comezaría a realizar colaboracións literarias e xornalísticas en distintos medios escritos.

A Guerra Civil supuxo a súa inhabilitación na docencia (profesor de Dereito) e despois de participar en varias batallas na fronte (co fin de salvar a vida) remataría en Vigo para pasar un pouco máis desapercibido diante das autoridades franquistas. Alí comezan os contactos coas persoas que se mantiñan afíns ao galeguismo na Galiza, así como tamén as relacións co exilio. Despois de varios tropezos coa xustiza franquista, Del Riego funda nos 50 (xunto con Ramón Piñeiro e Isla Couto) a Editorial Galaxia, fundamental para a recuperación da cultura e da literatura galega na longa noite de pedra, e nos 60 entra a formar parte da RAG, institución que presidiría entre 1997 e 2001.

Prodigouse no ensaio, con numerosos libros sobre cultura e literatura galega, tocando tamén a narrativa e a literatura de viaxes con grande mestría. Participou en numerosas institucións culturais (asociacións, fundacións, consellos e padroados) entre a que destacamos a Fundación Penzol. Escribiu máis dun milleiro de artigos para distintos xornais e tivo a honra de recibir en vida os maiores premios e recoñecementos que pode recibir un amante da nosa cultura e das nosas letras. Pero como diciamos ao comezo, cada vez que sae escollida unha persoa das nosas letras, outros nomes agroman con posibilidades. Quedou enriba do tinteiro o nome de Luísa Villalta, necesaria para poñer de relevo o papel das mulleres nas letras galegas e cunha vida tan intensa e activa como curta (morreu aos 46 anos de idade), ou a figura de Avelino Díaz nacido na Órrea (Riotorto) e meirego de adopción, cuxa vida representa a da emigración bonaerense, a dun escritor e activista cultural feito a si mesmo e cuxa vida estivo moi vencellada a doutros ilustres galeguistas como Castelao ou Suárez Picallo. Neste último caso existen cada vez máis iniciativas na comarca que demandan un día das letras para Avelino, aspecto que sempre é transcendental para a súa posterior escolla. Algún ano chegará o seu Día das Letras e estou seguro que nese intre a sociedade civil da contorna, e de Galiza en xeral, estará á altura das circunstancias.

Comentarios