jueves. 25.02.2021 |
El tiempo
jueves. 25.02.2021
El tiempo

Despedida do mestre da montaña

HAI PRETO de oito anos chamáranme do xornal El Progreso convidándome a escribir un artigo sobre unha persoa coñecida que destacara nalgún ámbito a nivel social. Eu, que daquela aínda non era colaborador semanal (comecei un mes despois), tíveno claro ao momento e púxenme mans á obra. O artigo tituleino ‘O mestre da montaña’ e dediqueillo ao vello amigo Marcial Bernedo Vilor. Traio a colación o devandito artigo porque cando remate este mes de agosto teremos un mestre menos en nómina por xubilación e polo tanto toca cambio de cara na dirección do centro público integrado de Cervantes despois de décadas de dedicación de toda unha institución na montaña.

Cando eu cheguei con destino definitivo ao centro, aló por 2004, Marcial acababa de retomar a actividade docente despois dunha dura enfermidade que o mantivera afastado durante uns meses. Levaba xa moitos anos no centro e arredor de dúas décadas na dirección despois de formar parte, nos seus inicios docentes, do proxecto de Antonio Gandoy, Preescolar na Casa, tamén nas montañas dos Ancares.

Polas súas mans pasaron varias xeracións de cervantegos, pais e nais e fillos/as, que viviron distintas situacións no centro. Algúns deles estiveron internos na primitiva escola fogar por mor da orografía e as malas comunicacións da época para cursar os estudos de EXB. Os máis recentes tiveron a oportunidade de realizar ata cuarto da Eso nunhas instalacións sobredimensionadas xa ao número de nenos e nenas. El vai lembrando con cariño a cada un dos alumnos/as coas súas múltiples anécdotas como se fosen sobriños/ as seus.

O grao de familiaridade acadado fixo que o seu coche se convertese nun transporte escolar máis. Nel ten viaxado alumnado que cambiando de domicilio para Becerreá seguía matriculado no CPI de Cervantes. E todas as tardes baixaban con el alumnos para adestrar no club de fútbol de Becerreá, para repasar nalgunha academia ou simplemente para facer algún recado pola capital dos Ancares.

En canto ao profesorado, e pese a diferenza xeracional cun claustro que na montaña sempre ten unha media de idade baixa, Marcial sempre apoiou de forma incondicional os seus proxectos e iniciativas. De feito, ao longo de varias décadas foise configurando unha familia de profesores e profesoras arredor da súa figura que se mantén unida e cohesionada independentemente do ano no que abandonasen o centro.

A súa dedicación ao colexio foi sempre absoluta, botaba máis horas nas instalacións docentes que na súa propia casa. Lembro que sempre que organizabamos algunha viaxe, de un ou varios días, el sempre estaba na saída ou na chegada, aínda que fora de madrugada, por se algunha familia tiña algún problema e tiña que coller o seu coche para buscar ou levar a algún alumno/a. Porque para el as saídas escolares eran fundamentais no proceso de ensino- aprendizaxe e sempre estivo atento para que ningún rapaz ou rapaza quedase por motivos económicos, desprazándose ata algunha casa para tratar de convencer ás familias da importancia de asistir ás mesmas (porque eran saídas ao estranxeiro, porque había que voar...).

En definitiva, toca relevo na dirección do centro pero afortunadamente esa responsabilidade queda en boas mans. Un profesor activo e novo, pero con experiencia, que contará co apoio incondicional do veterano mestre da montaña e coa valía dun magnífico equipo directivo ao seu redor. Xubilosa xubilación para Marcial e moitos acertos a Pablo G. Esqueira!

Despedida do mestre da montaña
Comentarios